Marlaska di que non lle "constan" vínculos do independentismo catalán con Rusia
Marlaska di que non lle "constan" vínculos do independentismo catalán con Rusia
Feijóo acusa o Goberno de intervir a Fiscalía para non investigar a Puigdemont
O fiscal xeral do Estado descarta intervir na decisión final sobre se Puigdemont debe ser acusado de terrorismo
Puigdemont trata de definir a estratexia para sortear as dúas ameazas que poderían impedir que se beneficie da amnistía.
Unha, os supostos vínculos con Rusia que o Parlamento Europeo lle pediu a España que investigue. O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska di que "non lle constan" esas relacións do independentismo co réxime de Putin.
A outra, a investigación aberta por un presunto delito de terrorismo nos disturbios de outono do 2019 en Barcelona, polos que se investiga a plataforma Tsunami Democràtic.
Unha acusación que sacou á luz fortes discrepancias dentro da fiscalía. O fiscal xeral do Estado descarta influír sobre a decisión que ten que tomar a súa número dous. E pide que se lle "deixe traballar en paz". Está en xogo a propia lei de amnistía. O clima é cada a máis hostil e o malestar vai aumentando entre os distintos poderes do Estado. O Goberno urxe unha reflexión a todos os poderes para que "cada un sexamos conscientes de cal é a nosa función", defende o ministro do Interior.
O PP pídelle a Pedro Sánchez que deixe de branquear a Puigdemont, pero non ten esperanzas de que vaia dar un paso atrás. Feijóo arremete contra o Fiscal Xeral do Estado. Pide a sua dimisión e acusa a Pedro Sánchez de querer "intervir" a Fiscalía para non investigalo. Un intento de tirar para adiante que, segundo Feijóo, sitúa España nun momento crítico. E pídelle que elixa entre "entre amnistía ou constitución".
A vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, agarda que finalmente poidan chegar a un acordo con Junts para desbloquear a lei e avanzar na convivencia en Cataluña. No medio de todo isto, a Comisión de Venecia remata co fiscal xeral e co presidente do Constitucional a visita de dous días a España. Escoitou representantes dos tres poderes do Estado e en marzo vai emitir o seu informe sobre a lei de amnistía.