Lois chama "con ilusión" á participación: "Hoxe vai ser un día moi especial"
Lois chama "con ilusión" á participación: "Hoxe vai ser un día moi especial"
A candidata de Sumar asegura que a cidadanía ten "a oportunidade de escoller o seu futuro"
A candidata de Sumar á presidencia da Xunta, Marta Lois, fixo un chamamento á participación democrática e "a que as urnas se enchan de papeletas" para que sexa, "verdadeiramente, o día da democracia".
Pouco antes das doce do mediodía, depositou o seu voto no IES Antón Fraguas das Fontiñas, en Santiago, e manifestou a súa "ilusión" porque a cidadanía poida "escoller o seu futuro".
Na compaña do portavoz, Paulo Carlos López, trasladoulle á prensa que ten "a sensación de que hoxe vai ser un día moi especial" no que a xente "vai entender" que a partir do 19 de febreiro "haberá un cambio moi importante".
De igual xeito, dixo que agarda unha "alta participación" e que a "esperanza" percibida durante a campaña electoral "se traduza nas urnas".
"Que non quede ningunha papeleta na casa, porque votar vai de cuestións tan importantes como o dereito á vivenda, o dereito á sanidade pública ou o dereito para ter unha atención primaria adecuada. Vai da transición verde, vai de feminismo, vai dos dereitos fundamentais dos galegos e as galegas".
Despois de votar, Marta Lois foi ver un partido de baloncesto da súa filla para logo reunirse co seu equipo.