Marta Rovira: "ERC non fará presidente a Salvador Illa agora mesmo"
Marta Rovira: "ERC non fará presidente a Salvador Illa agora mesmo"
Di que o seu partido non lle teme a unha repetición electoral
As condicións de ERC para negociar son un referendo de autodeterminación, a aplicación da lei da amnistía e un financiamento "singular"
A secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira, advertiu este venres de que o seu partido "non fará president a Salvador Illa agora mesmo", aínda que isto conduza a unha repetición electoral: "As eleccións non nos dan medo", apostilou.
En declaracións a RAC1, Rovira rexeitou as "presións" a ERC para evitar un bloqueo político: "Como diantre se nos pode pedir a nós que invistamos gratis a un president que nin tan só aposta por acabar con este afogo económico e financeiro do noso país e ao mesmo tempo argumentar que isto é bo para Cataluña?".
"Quen queira falar con ERC xa sabe que propostas debe levar para mover a ERC. Se non, nós quedaremos na oposición", advertiu.
As condicións de ERC
Rovira subliñou que "ERC debe estar na oposición política", porque debe ser "moi coherente con ela mesma": "Habemos de actuar con coherencia e, por tanto, Esquerra non fará president a Salvador Illa agora mesmo", recalcou, un matiz temporal co que deixa a porta aberta a unha negociación co PSC baixo as condicións de ERC.
As prioridades políticas de ERC, lembrou Rovira, pasan por unha "vía de resolución do conflito político" baseada nun referendo de autodeterminación e a aplicación da lei de amnistía, así como por un "financiamento singular" para Cataluña.
Sobre a constitución do novo Parlament, dixo ver "con bos ollos" a idea de constituír unha Mesa "antirrepresiva", aínda que puxo en dúbida que acabe sendo posible despois de que se filtrara esta proposta que negocian as forzas soberanistas.