Más de 500 denuncias ao día e 52 asasinatos por violencia machista en España

Os datos de feminicidios no que vai de 2023 cambia a tendencia dun trienio con mínimos históricos

O pasado ano foron asasinadas 89.000 mulleres e nenas en todo o mundo, a cifra más alta en dúas décadas

Este venres confirmouse un novo feminicidio no Porriño Este venres confirmouse un novo feminicidio no Porriño
G24.gal 25/11/2023 08:38 Última actualización 25/11/2023 10:14

Só no que vai de ano, 52 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas, tres máis ca en todo 2022. Mentres, cada día preséntanse en España 535 denuncias por violencia machista, 106 por agresións sexuais e 25 por violación, cifras que non deixan de medrar.

Os datos de feminicidios neste 2023, cambia a tendencia dun trienio con mínimos históricos. En 2020 e 2021 morreron asasinadas 49 mulleres cada ano e 50 en 2022. Dende 2003, rexistráronse 1.237 crimes e dende 2013, 428 menores quedaron orfos por esta causa.

Andalucía é a comunidade autónoma máis poboada e a que rexistrou un número maior de asasinatos (256), seguida de Cataluña (197), Comunidade Valenciana (153) e Madrid (128).

A continuación, sitúanse as Canarias (82), Galicia (68), Castela e León (62), Castela-A Mancha (57), as Baleares e o País Vasco (ambas 41), Rexión de Murcia (35), Aragón (33), Asturias (29), Comunidade Foral de Navarra (15), Estremadura (12), Cantabria (11), A Rioxa (8), Melilla (5) e Ceuta (3).

A trintena é o grupo de idade no que se concentrou un número maior de feminicidios (270). Por detrás, aínda que non a moita distancia, está a corentena (213) e a vintena (201). Dez vítimas mortais eran menores de idade e outras 54, maiores de 70 anos.

Por nacionalidade, 805 mulleres eran españolas (65 %), 414 estranxeiras (33,4 %) e en 8 casos non consta a súa orixe.

Agresores

En canto aos agresores, o 66,5 % eran españois e o 32 %, doutro país. Un total de 257 feminicidas suicidáronse tras perpetrar o crime, o 20,7 %, polo que non puideron ser xulgados polos seus feitos e outros 162 tentárono (13 %).

Na gran maioría dos casos non constaban denuncias previas por malos tratos contra o presunto agresor, só figuraban no 21,58 %.

Desde o ano 2022, a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero tamén elabora unha estatística de feminicidios perpetrados máis aló do ámbito da parella ou a exparella.

En 2022 e o primeiro semestre de 2023, 47 mulleres foron asasinadas polo mero feito de selo. En 29 casos, o agresor foi un familiar, en 11 un coñecido e os sete feminicidios restantes tiveron unha motivación sexual.

Violencia vicaria

A violencia que se exerce contra os fillos e fillas das mulleres vítimas tamén é un tipo de violencia de xénero. Como consecuencia da violencia vicaria, unha nena foi asasinada en España este ano.

Desde 2013, foron 49 os feminicidios vicarios contra menores de idade, a inmensa maioría deles perpetrados polos seus propios pais (o 89,7 %, fronte ao 9,3 % pola parella ou exparella da nai). Tras perpetrar o crime, 28 dos 49 agresores suicidáronse (57,17 %), e outros seis tentárono (12,2 %).

A data de 31 de outubro de 2023, os corpos policiais tiñan rexistrados 1.396 menores en risco de ser agredidos polos seus pais ou polas parellas ou exparellas das súas proxenitoras, e outros 9.764 expostos a unha situación de vulnerabilidade por vivir en contextos de violencia machista.

Denuncias

En España interpuxéronse máis de 2,14 millóns de denuncias desde 2009. No segundo trimestre deste ano, último período do que hai datos, presentáronse 535 denuncias diarias, 22 cada hora.

O 016 atende todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 53 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es. Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.

Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) ou recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.

25 de novembro

Este 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Na véspera, confirmábase a morte violenta no Porriño doutra muller.

Durante a xornada, hai centos de convocatorias e actos programados para berrar "acabouse" e apelar á necesidade dunha maior implicación social. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade