Agricultores e gandeiros marchan cos seus tractores por Ourense e Lugo
Agricultores e gandeiros marchan cos seus tractores por Ourense e Lugo
As protestas están organizándose a través das redes sociais
As tractoradas irrompen en plena campaña das eleccións galegas, a pesar de que as organizacións agrarias anunciaran que se mobilizarían pasado o 18 de febreiro.
En Ourense preto de medio cento de tractores procedentes de Xinzo, Montederramo e Maceda dirixíronse cara á capital provincial co obxectivo de bloquear o tráfico no centro da cidade. En Lugo outra protesta convocada pola plataforma Agromuralla concentrou os vehículos agrícolas no polígono das Gándaras coa intención de chegar ás rúas da cidade amurallada.
Na cidade das Burgas, a pesar do dispositivo preparado pola Garda Civil e a Subdelegación do Goberno, os gandeiros e agricultores mobilizados a través de redes sociais, principalmente WhatsApp, lograron o seu obxectivo e a primeira hora da tarde lograban bloquear cos seus tractores o tráfico en rúas principais da cidade como a Avenida de Xoán XXIII.
En Lugo a protesta contou con "menos afluencia da esperada", como recoñecían os propios organizadores. "Era unha convocatoria que se fixo a través de grupos de WhatsApp e redes sociais a nivel nacional para todas as cidades de España, pero non está a haber moita afluencia", explicou, en declaracións a Europa Press, Roberto López, portavoz de Agromuralla.
"Isto é un punto de partida para ir falando entre nós, ir organizándonos e facer unha folla de ruta para seguir loitando", manifestou. Finalmente foron uns trinta vehículos agrícolas os que circularon pola cidade.
O conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, pídelle ao ministro de Agricultura que defenda en Europa a moratoria inmediata desta lexislación. González asegura que o Goberno galego apoia as reivindicacións de agricultores e gandeiros.
Todo iso nunha xornada na que se suceden cortes de estradas e protestas de agricultores e gandeiros en diferentes comunidades, do mesmo xeito que nas últimas semanas en varios países europeos.
Con todo, as organizacións agrarias galegas máis representantivas, como son Unións Agrarias e Sindicato Labrego, desmárcanse de realizar protestas en plena campaña ás eleccións galegas para non "mesturar mobilizacións e citas electorais", polo que aprazan mobilizacións a despois do 18 de febreiro.