A área sanitaria de Ourense fixo medio millón de probas PCR en dous anos
A área sanitaria de Ourense fixo medio millón de probas PCR en dous anos
Lucía recibiu un diploma no covid auto do CHUO por ser a paciente número 500.000
Cifra de marca na área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras. Este domingo fixeron a PCR número 500.000 na provincia. Medio millón de probas en dous anos moi intensos para o persoal sanitario. Un tempo en que os procesos e a velocidade para ter os resultados melloraron moito.
Lucía ten unha pequena intervención cirúrxica o martes e hoxe foi ao covid auto do hospital de Ourense para facer unha PCR. Vaia sorpresa levou cando lle fixeron a entrega do diploma por ser a paciente número 500.000.
Catro días despois de que se decretara o estado de alarma, Susana e outra enfermeira deixaron os seus labores habituais e comezaron a facer probas neste covid auto. Os inicios foron moi complicados.
Probas a domicilio, cribados en grandes recintos, en residencias de maiores... A organización foi un reto que conseguiron coa colaboración de todo o persoal sanitario.
Hai dous anos os positivos tiñan que mandalos a Madrid para confirmar. Tampouco daban abasto para analizar as PCR que se facían nos cribados masivos. Agora no CHUO xa son autosuficientes e mesmo detectan as diferentes variantes.
Hoxe o ritmo diminuíu moito. Atrás quedan as imaxes de grandes ringleiras nos peores momentos da pandemia, agardemos que para sempre.