Publicador de contidos
Publicador de contidos

Melania Rodríguez aspira a dar o salto definitivo cara a París 2024

Melania Rodríguez aspira a dar o salto definitivo cara a París 2024

A ximnasta de Ponteareas ten opcións de representar a España na modalidade de trampolín

Dende que foi declarado deporte olímpico en Sidney, España nunca competiu na discicplina

G24.gal 25/10/2023 20:56

A carreira de Melania Rodríguez cara aos xogos olímpicos ten este mes de novembro unha cita transcendental: o Campionato do Mundo de Birmingham. Coa selección española competirán seis galegos. Aos seus 22 anos, Melania é a gran baza do equipo en trampolín. "Este Mundial é complicado porque hai ximnastas moi boas. O nivel é moi alto porque estamos en ano olímpico. Pero eu farei o meu traballo para estar na final", asegura. 

As oito mellores ximnastas clasifícanse directamente. E iso xa o conseguiu Melania hai dous anos, recórdanos o seu adestrador Pablo Hinojar. "O bo que ten Melania é que sabe o que quere.  É unha ximnasta que medra ante os grandes retos. Confío en que sairá con bo pé deste Mundial", engade.

Melania, que abandonou a ximnasia artística e se desenvolve con enorme facilidade e grandes resultados no dobre minitramp, aspira a dar o salto definitivo no trampolín, a única modalidade olímpica da súa disciplina. "Estou moi contenta no trampolín, non me arrepinto para nada das decisións que tomei. Aquí son feliz", afirma. 

Melania avanza con paso firme cara ao seu obxectivo. Pero nese camiño botan en falta pequenos cambios que contribúan a mellorar o seu rendemento e o de todo o equipo. "É importante que este deporte teña visibilidade e se coñezan as nosas necesidades. Estaría ben contar cunha instalación axeitada para adestrarnos e así evitar os desprazamentos ou que teñamos que montar e desmontar o material con que traballamos", conta Pablo Hinojar.

Desde que o trampolín se estreou nos Xogos de Sidney, España nunca acudiu a unha cita olímpica con representación nesta modalidade. Melania Rodríguez aspira a facer historia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade