Melide fai historia cunha tortilla de seis metros de diámetro
Melide fai historia cunha tortilla de seis metros de diámetro
É a tortilla de patacas máis grande do mundo
Virárona coa axuda dun guindastre
Seis metros de diámetro, 14.500 ovos, 1.700 quilos de patacas, 300 litros de aceite e 30 quilos de sal. Vemos a tortilla de patacas máis grande do mundo, que posiciona a Melide no libro Guiness das marcas, no momento en que se lle poñía a viradeira para ser logo volteada.
Tortilla, tixola e viradeira sumaban 8.400 quilos de peso. Darlle a volta para facela polos dous lados, coa axuda dun guindastre, foi a fase máis delicada do proceso... pero todo saíu ben. Un espectáculo seguido polos veciños e tamén por foráneos.
A ración vendeuse a tres euros e saíron unhas 8.000. Os cartos irán a comedores sociais e outros fins solidarios, porque o reto, ideado por unha empresa familiar da localidade que produce ovos de galiñas en liberdade, busca poñer en valor os ovos campeiros.
O desafío foi o prato forte da Primeira Feira do Ovo Campeiro, que tamén deu espazo a outros produtos gastronómicos e a artesanías e que arranca con intención de continuidade.