Mellorar a comunicación entre sanitarios e pacientes axuda a incrementar o grao de adherencia aos tratamentos
Mellorar a comunicación entre sanitarios e pacientes axuda a incrementar o grao de adherencia aos tratamentos
Mellorar a comunicación entre sanitarios e pacientes axuda a incrementar o grao de adherencia aos tratamentos
No Día da Adherencia aos Medicamentos, os farmacéuticos poñen o foco na necesidade dun contacto continuo entre doentes e médicos
A metade dos pacientes crónicos abandona a medicación ou non se axusta ás pautas
A falta de adherencia terapéutica, é dicir, o incumprimento dos tratamentos farmacolóxicos prescritos, é un serio problema de saúde pública.
Aproximadamente a metade dos pacientes crónicos ten unha mala adherencia, porcentaxe que sobe ata o 70 por cento en tratamentos antidepresivos e que chega a un terzo en pacientes oncolóxicos.
Este problema provoca, ademais, un notable incremento do gasto sanitario, que algúns estudos sitúan, só en España, en máis de 10.000 millóns de euros.
Hai varios factores que inflúen á hora de abandonar ou tomar inadecuadamente a medicación. Pode ser algo consciente e voluntario, como nos casos de doentes que deciden deixar de tratarse cando notan melloría. Pero tamén pode ser debido a unha mala comprensión das pautas de administración, ou á falta de comunicación entre profesionais e pacientes.
Este ano, na décimo segunda edición do Día da Adherencia, os farmacéuticos hospitalarios poñen o acento, precisamente, na necesidade de mellorar a comunicación entre o sistema sanitario e os doentes.
A responsable de adherencia da farmacia do CHUS e coordinadora deste asunto na Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, Beatriz Bernárdez, explica que "está demostrado que o contacto continuo, o acceso continuo ao medio sanitario, con medios como a telefarmacia ou a telemedicina, favorece a adherencia".
O lema da xornada céntrase, por iso, nesa necesaria mellora da comunicación. "Comunicación e adherencia: facendo doado o difícil" é o reclamo elixido para que profesionais da saúde traten de motivar o paciente e animalo a buscar o seu apoio nas pautas do tratamento.