Mergulladores da navalla de Noia retiran lixo mariño no Freixo
Mergulladores da navalla de Noia retiran lixo mariño no Freixo
Econoia Mergullo é unha campaña de sensibilización da confraría de Noia
Os mergulladores sacaron nasas do choco, cabos e pranchas de caucho
Os mergulladores de Noia cambiaron as navallas polo lixo mariño. Hai unha semana remataron a campaña e hoxe traballaron limpando os fondos dentro da iniciativa 'Econoia Mergullo'.
Os doce mariscadores traballaron cerca do porto do Freixo, unha zona que coñecen ben porque é unha das súas zonas de explotación. De aí retiraron nasas do choco, do polbo, cordas de bateas, cabos, pranchas de caucho... A media mañá o buque de apoio xa ten lixo abondo. Aquí faise unha primeira clasificación.
"E distinto ao que se adoita recoller por terra -comenta Rafael Salvadores, da empresa Arcea xestión de recursos naturais-. É máis voluminoso e hai artes que se adoitan utilizar nesta zona".
Traballo con método
Os mergulladores organízanse como se estiveran collendo navallas: delimitan a zona onde van traballar, unha persoa queda na embarcación pendente do compresor e das mangueiras e empezar a sacar o lixo. "Está un compañeiro abaixo. Leva un cabo chumbado, pégame dous tiróns cando está amarrado e tiro para arriba", conta un deles.
A recollida tivo un inspector cualificado: o arroaz Manoliño. Leva xa tres anos nesta ría. "Para min é un amigo pero hai xente que lle ten pánico. Estamos no seu medio e non sabemos como pode reaccionar. Podémonos asustar os dous", di un dos participantes na recollida.
Seis novas limpezas a pé previstas
O traballo de concienciación ambiental da confraría de Noia non remata nesta iniciativa. "Imos manter as limpezas a pé en Econoia 3. Este ano apuntáronse 256 mariscadoras e temos previstas dúas limpezas este ano e catro o ano que vén", di Liliana Solís, bióloga da confraría de Noia.
Nos dous primeiros anos de Econoia as mariscadoras de a pé recolleron 65 toneladas de lixo nas ribeiras.