Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mero Barral: "Meus pais estaban na tumba mentres se achegaban presos etarras a Euskadi"

50 ANOS DO ATENTADO DA CAFETERÍA ROLANDO

Mero Barral: "Meus pais estaban na tumba mentres se achegaban presos etarras a Euskadi"

O coruñés Mero Barral quedou orfo aos catro meses cando ETA matou os seus pais. A súa avoa tivo que crialo xunto co seu irmán, de catro anos

Seu avó quedou en Londres, onde traballaba emigrado, para poder sacar a familia adiante

Mero Barral, vítima da ETA
G24.gal 13/09/2024 14:42

Tal día coma hoxe, fai 50 anos, unha bomba colocada pola banda terrorista ETA nunha cafetería mataba 13 persoas e deixaba outras 70 feridas en Madrid. Entre as vítimas mortais había un matrimonio da Coruña con dous fillos pequenos que quedaran na casa cos avós maternos. 

Mero Barral tiña apenas catro meses cando seus pais morreron asasinados pola ETA no atentado da cafetería Rolando, o 13 de setembro de 1974. A Mero e seu irmán Moncho, catro anos maior, criounos súa avoa. A súa foi unha infancia marcada polo silencio.

"A dor quedas con ela, só eu sei o que pasei. Á miña avoa intentei evitarlle esa dor de que tivese que lembrar a filla que lle asasinaran", contounos Mero.

A familia Barral tardou moito en romper o seu silencio. Non o fixo mentres seu avó non tiña outra que quedar en Londres para mandarlles cartos mentres en España se falaba de achegar os presos da ETA a Euskadi.

"E mentres, o meu avó alí traballando, emigrado... Que estaban lonxe das familias? Lonxe estaban meus pais, que estaban na tumba", denuncia esta vítima do terrorismo.

Pero houbo un día en que Mero decidiu que xa non ía calar máis. E ese día foi cando soubo da legalización do brazo político da ETA.

"Volveron abrirme a ferida que eu mesmo pechara. E agora xa sabemos o que hai, o que fan con tal de gobernar. Aquela frase de "con Bildu non imos pactar"... Aquela frase tivemos que tragala tamén. Pero hai que ter memoria", reflexiona Barral.

Porque a memoria histórica é algo que os mozos non deben perder.

"Hai que deixar ben claro que aquí en España había un grupo terrorista chamado ETA que mataba sen sentido", advirte Mero, un dos poucos orfos de pai e nai que provocou o terrorismo en España, que remata cunha petición: que en Galicia se cree unha comisión de axuda ás vítimas do terrorismo.

Imaxe do atentado do 13 de setembro de 1974 en que morreron 13 persoas e máis de 70 resultaron feridas Imaxe do atentado do 13 de setembro de 1974 en que morreron 13 persoas e máis de 70 resultaron feridas
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade