Mil condutores dan positivo en alcol cada mes en Galicia
Mil condutores dan positivo en alcol cada mes en Galicia
A metade dos condutores falecidos en accidentes de tráfico consumiran alcol, segundo se desprende das análises toxicolóxicas feitas durante a autopsia
"Estalle subindo a taxa, non pode conducir. Ten que chamar a alguén para que lle veña buscar o vehículo", "E ten outra alcoholemía e entón a contía de 500 que lle dixemos primeiro, son mil euros, porque a reincidencia no mesmo ano penalízase", dille Héctor Teixeira a un condutor.
Control de alcol e drogas na contorna de Santiago. En menos de media hora dous condutores dan positivo. E algo cotián para os axentes da Garda Civil de Tráfico, que cada día detectan en Galicia máis de trinta persoas ao volante que exceden a taxa permitida.
"En Galicia, detectamos arredor de mil positivos ao mes, o que supón doce mil casos ao ano, que é un dato moi elevado e moi preocupante", apunta o axente.
O alcol e as drogas son un dos principais problemas para a seguridade viaria.
"Moitos dos accidentes que hai nas estradas, hai unha presenza importante de alcol e drogas, moitas veces combinada e despois está o dato das autopsias que desvela que case a metade dos condutores falecidos na estrada consumiron alcol ou drogas antes de porse ao volante".
A maioría dos condutores coinciden na necesidade destes operativos de vixilancias nas estradas
"Hai moitos accidentes por culpa de xente que se pasa. Eu díxenlle a verdade, tomei medio vaso de viño, comín ben e vou ben!".
"Evidentemente non se pode beber ao volante. É cousa de todos", comentan dúas persoas.