Milei anuncia as primeiras privatizacións na Arxentina e augura a dolarización da economía no prazo dun ano

Calcula que tardará ata 24 meses en baixar a inflación

Anúlase a primeira xuntanza entre o presidente electo e o saínte para preparar o traspaso de poderes

G24.gal 20/11/2023 20:20 Última actualización 20/11/2023 20:27

Non pasaron nin 24 horas da vitoria para que Javier Milei empece a poñerlles data aos seus compromisos electorais. O presidente electo da Arxentina ratificou que tan pronto sexa investido vai privatizar a petroleira estatal, a principal empresa de enerxía e os medios de comunicación públicos.

Nunha entrevista radiofónica, Milei augurou que no prazo dun ano o dólar será a moeda oficial da Arxentina, e que tardará entre 18 e 24 meses en baixar a inflación.

Noticias que chegan nun día festivo e histórico no país, que deixa atrás o peronismo e dá un salto ao descoñecido.

"O que quedou demostrado é que a maior parte dos arxentinos queren un cambio". "Non lle teño fe a Milei, pero imos ver que pasa", din dous cidadáns.

Javier Milei será investido presidente da Arxentina o 10 de decembro. A transición prevese complicada e xa fracasou a primeira xuntanza prevista para este luns co ata o de agora presidente, Alberto Fernández, para preparar o traspaso de poderes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade