Milleiros de manifestantes do metal toman as rúas de Vigo
Milleiros de manifestantes do metal toman as rúas de Vigo
Os sindicatos cifran en máis dun 80% o seguemento da folga e a parte empresarial nun 40%
O arranque da protesta ocasionou os primeiros problemas de tráfico, ao coincidir cunha hora de gran volume de tráfico
Os traballadores do metal anuncian outros dous días de folga para os días 12 e 13 de xullo, que se suman ás xa previstas para os días 6 e 7
Cuarta xornada de folga dos traballadores e traballadoras do sector do metal en Pontevedra. Son 30.000 persoas as que estaban convocadas a manifestarse polas rúas de Vigo, como medida de presión para que a patronal retome as negociacións do convenio colectivo.
A manifestación partiu ás nove da maña da praza de España e transcorre polas principais rúas viguesas para chegar á praza do Rei. Alí concentraranse os manifestantes pertencentes a unhas 3.700 empresas do sector do metal.
“A patronal acaba de mandar unha nota de prensa bastante dura en que o único que fai é chamar a cidadanía para que se enfronte a nós. Nós non imos caer nesa provocación. A patronal está a demostrar a súa verdadeira cara, que só fai chamamentos ao público, pero nós non temos ningún tipo de chamada”, denunciou Xulio Fernández, secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo.
A patronal advertiu en varias ocasións de que a sociedade xulgará as mobilizacións dos traballadores e mesmo a Confederación de Empresarios de Pontevedra ameazou con paralizar as negociacións do convenio se continúan as protestas nos termos que se viviron a semana pasada no Ifevi coincidindo coa feira do sector, a Mindtech.
“Non somos terroristas, non somos vándalos. Isto é unha mensaxe para a patronal: que sente a negociar, e imos falar porque temos que falar”, dixo o líder de CCOO Industria en Vigo, Celso Carneiro.
As negociacións quedaron paralizadas o luns 19 tras a duodécima reunión entre a parte empresarial e a parte social sen que ambas alcanzasen un acordo, polo que os sindicatos anunciaron que seguirían co calendario de mobilizacións previstas, as cales se fixeron moi visibles durante a feira internacional do sector na cidade con enfrontamentos coa policía.
Ao preguntarlles sobre canto tempo máis vai continuar a situación actual, Fernández explicou que "vai depender da patronal".
"Temos que entender que podemos estar nunha mesa falando pero se outra persoa o único que fai é quentar unha cadeira e estar a nos tourear, por exemplo, estívonos toureando durante once reunións dicindo que o único que nos daba era un 0,5 % sen revisión para 2023, entendemos que é unha provocación clara e non son ganas de negociar”, engadiu o representante da CIG.
A patronal puxo sobre a mesa un incremento salarial do 8 % para este ano e os dous seguintes, pero hai máis cuestións que reclaman os traballadores.
“Apostamos por un aumento salarial, por unha cláusula de revisión completa, por redución de xornada, que é o que vimos reivindicando os traballadores, pero a patronal ten que sentar á mesa para poder negociar. Así non imos a ningún sitio”, asegurou Carlos Casal Iglesias, secretario da negociación colectiva.
Mentres non se limen esas diferenzas, os sindicatos prevén que as mobilizacións continuarán “ata onde os compañeiros aguanten, e os compañeiros están a aguantar e van aguantar moito máis”, asegurou Carneiro.
De momento, o apoio dos traballadores ás convocatorias dos sindicatos está a ser masivo e nada fai pensar que vaia a deixar de ser así porque entenden que se na Coruña, Lugo e Ourense chegaron a un acordo nuns termos aceptables para as partes, debería suceder o mesmo na provincia de Pontevedra.