A patronal e os sindicatos do metal volverán reunirse este venres para evitar a folga indefinida
A patronal e os sindicatos do metal volverán reunirse este venres para evitar a folga indefinida
Depois de tres horas de xuntanza, as negociacións do convenio do metal para a provincia de Pontevedra seguen sen avances concretos
Patronal e sindicatos volverán reunirse este venres ás once da mañá no Hotel Coia de Vigo para tentar achegar postura e evitar así a convocatoria de folga indefinida para o 18 de xullo
Foron tres horas de reunión para avanzar pouco ou nada respecto á última xuntanza, hai 23 días. Había boa disposición para poder chegar a un acordo entre patronal e sindicatos. Estes últimos, con catro puntos que consideran fundamentais nesta negociación.
Fala o representante sindical de Comisión Obreiras, Celso Carnero:
"Pedimos unha suba salarial para estes tres anos. A subrogación das empresas privadas, a redución da xornada e a cláusula de revisión de garantía do IPC con atrasos. Catro elementos que fomos defendendo dende o minuto un".
Pero lonxe de negociar, xurdiron os reproches por ambas as partes. Sobre todo, despois dos últimos acontecementos de folgas e concentracións nas rúas por parte dos traballadores. De feito, para este mércores e para este xoves había unha nova xornada de folga que foi desconvocada. Algo fundamental por parte da patronal para retomar o diálogo.
"Imos dalo todo, esforzarnos o máximo posible, pero obviamente será fundamental que expectativas trae a parte sindical, que oxalá sexan razoables, porque, dende logo, non imos firmar cousas incoherentes ou que vaian en contra da competitividade das empresas".
Son palabras de Enrique Mallón, o secretario xeral de ASIME. De feito, ese diálogo seguirá nunha nova mesa de negociación prevista para este venres a partir das once da mañá, en que agardan achegar posturas con vistas a un novo convenio provincial.