Publicador de contidos
Publicador de contidos

Patronal, CIG e UXT asinan o convenio do metal pontevedrés sen CCOO

Patronal, CIG e UXT asinan o convenio do metal pontevedrés sen CCOO

Rexerá, con carácter retroactivo, desde o pasado 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2025

G24.gal 04/08/2023 13:52

As tres patronais do metal pontevedrés (Asime, Atra e Instalectra) e os sindicatos CIG e UXT asinaron este venres o convenio do metal pontevedrés que non aceptou CCOO, aínda que igualmente saíu adiante e é de aplicación. 

O convenio, segundo explicou a parte empresarial nun comunicado, rexerá, con carácter retroactivo, desde o pasado 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2025 (tres anos) e contempla incrementos que representan un total do 9 % (3 % en cada un dos anos), con ata un máximo de 2 % adicional anual se o IPC estivese por encima da subida acordada. 

As empresas deberán abonar os atrasos do ano en curso antes do 31 de outubro.

A xornada laboral terá unha redución de 16 horas (8 en 2024 e outras 8 en 2025) e un día adicional de vacacións (un total de 23 días hábiles).

Aquelas contratacións que se fagan por picos de traballo puntuais, conforme á modalidade de contrato por circunstancias da produción que contempla a reforma laboral, terán unha duración de ata 12 meses, non de 6 como ata a data. 

Outra das medidas encamiñadas a facer un sector máis atractivo e paliar a falta de traballadores é o compromiso de ambas as partes para establecer un limiar salarial nos contratos formativos, que será o correspondente ao salario mínimo interprofesional para os de obtención da práctica profesional e terá un incremento do 10 por cento no segundo ano para os de formación en alternancia ou FP dual.

"Despois de tanto sufrimento e de feitos conflitivos que sucederon durante os días de folga, especialmente a actuación violenta de piquetes en empresas e os actos vandálicos sucedidos nos arredores do Ifevi, finalmente chegouse a un bo acordo para traballadores e empresarios, tendo en cuenta que, para a parte empresarial, o maior valor na negociación colectiva sempre é esa paz social e diálogo tranquilo", di a patronal. 

Considera que esa "calma é imprescindible para poder ser competitivos nunha contorna como a actual, non só a nivel nacional, senón tamén internacional, contorna en que hai unha competencia feroz". 

"Hai que ser rigorosos e tentar sempre contar cun marco laboral competitivo que garanta a consecución de pedidos e a carga de traballo para o sector”, defenden os empresarios. 

Insisten en que é "un acordo garantista co que gañan todas as partes" e consideran que "este convenio segue sendo un referente para empresas e traballadores a nivel estatal".

As asembleas de afiliados de CCOO consideraron o acordo insuficiente e non o asinaron, aínda que o convenio saíu igualmente adiante co apoio de CIG e UXT.

O secretario xeral de CCOO Industria en Vigo, Celso Carneiro, explicou que o sindicato "seguirá traballando en que haxa unidade de acción para que o convenio se cumpra" e dixo que "o primeiro paso é que as empresas paguen os atrasos". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade