O sector do metal, interesado en captar man de obra cualificada entre galegos no exterior

Para facer fronte aos encargos que actualmente ten o sector precisarían uns 800 traballadores máis

G24.gal 26/10/2023 14:54

O sector do metal galego asegura que a falta de man de obra cualificada está freando a súa produtividade. Precisa urxentemente carpinteiros, instaladores de frío, electromecánicos, soldadores, enxeñeiros... Oitocentos, din, para facer fronte os encargos actuais.

O Secretario xeral Asime, Enrique Mallón asegura que "ese número de 800 podería medrar ata os 1.500 nos próximos seis ou nove meses se realmente se atopasen eses perfís. A verdade é que é bastante frustrante ver como as nosas empresas poderían ter unha carga de traballo maior se tivesen porfesionais pero non os atopamos".

Para paliar a escaseza vanse apoiar no programa Retorna Cualifica Emprego. Identifica perfís que demanda o tecido industrial e busca na diáspora para traelos de volta cun contrato laboral.

Bartolomé Pidal, presidente da Fundación Nortempo, que colabora nesa busca di que "temos máis de 5.000 persoas inscritas, das que hai cerca de mil que están vistas e reúnen os requisitos en distintos sectores".

O proxecto forma parte do programa Retorna posto en marcha pola Xunta de Galicia para favorecer a volta dos galegos que viven fóra. 

Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, asegura que "oara dar resposta a esas necesidades que teñen no tecido produtivo en todos os sectores pero tamén contribuímos a paliar ese envellecemento demográfico e a incrementar a poboación activa".,

A Xunta colabora con tres millóns de euros para financiar este retorno. Na selección e na formación. Tamén paga a viaxe e axuda no establecemento en Galicia dos retornados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade