Publicador de contidos
Publicador de contidos

Patronal e sindicatos do metal asinan o acordo previo que suspendeu a folga indefinida

Patronal e sindicatos do metal asinan o acordo previo que suspendeu a folga indefinida

O documento inclúe unha subida salarial do 9 % en tres anos

O acordo terá que ser ratificado agora polos traballadores

Se o apoian os empregados, asinaríase o texto final do acordo

G24.gal 18/07/2023 19:14 Última actualización 18/07/2023 20:56

As tres patronais do metal da provincia de Pontevedra -Asime, Atra e Instalectra- asinaron este martes o preacordo do convenio do sector que pecharon o luns coa parte sindical e que supuxo a suspensión da folga indefinida, agora á espera de que os traballadores decidan se o ratifican.

Os termos do preacordo para os anos 2023 a 2025, inclúen, segundo concretou a patronal, unha subida salarial do 9 % (3 % en cada un dos anos), con ata un máximo do 2 % adicional anual se o IPC estivese por encima da subida acordada, e contempla atrasos e a súa inclusión nas táboas salariais.

Respecto á xornada, acordouse unha redución de 16 horas (8 en 2024 e outras 8 en 2025) e un día adicional de vacacións (sumando un total de 23 días hábiles).

En materia de contratos, aquelas contratacións que se fagan por picos de traballo puntuais, conforme á modalidade de contrato por circunstancias da produción que contempla a reforma laboral, terán unha duración de ata 12 meses, non de 6 como ata a data.

Así mesmo, as partes comprométense a establecer un limiar salarial nos contratos formativos, que será do correspondente ao salario mínimo interprofesional para os de obtención da práctica profesional cun 10 % adicional no segundo ano para os de formación en alternancia ou FP dual.

En relación ás licenzas, concédense dúashoras adicionais, ata 24, para acompañamento de menores ou familiares dependentes de primeiro grao ao médico, e contémplanse 16 horas para a realización de exames oficiais de capacitación profesional.

As dietas desvincúlanse dos incrementos pactados, salvo en 2025, que si se actualizarán conforme ao incremento salarial.

Ademais, incrementaranse os importes do seguro colectivo en 2.000 euros e regularase o complemento de gardas e dispoñibilidade.

Quedou fóra do acordo a subrogación, que solicitara a parte sindical e que a parte empresarial rexeitou desde o inicio.

O preacordo queda agora supeditado, segundo a parte sindical, á súa aprobación na asemblea de traballadores.

No caso de que sexa apoiado polos empregados, procederíase a asinar o texto final do acordo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade