Milleiros de persoas manifestáronse en Málaga e en Cádiz para poñer freo á saturación turística
Milleiros de persoas manifestáronse en Málaga e en Cádiz para poñer freo á saturación turística
Esixen medidas "contundentes" que eviten a proliferación de vivendas de uso turístico e que protexan o mercado do alugueiro residencial
Cualifican de "insostible" os prezos dos alugueiros e reclaman un cambio de modelo turístico
Piden aplicar unha taxa turística e a realización de inspeccións rigorosas para sancionar as vivendas de uso turístico ilegais
As protestas en Málaga e en Cádiz partiron dun amplo malestar da cidadanía contra o fenómeno da 'turistificación'.
Milleiros de persoas saíron á rúa para esixir "vivendas a prezos dignos". Denuncian unha situación que cualifican de "insostible" cos prezos dos alugueiros e reclaman un cambio de modelo turístico.
En Málaga, a marcha estivo apoiada por case medio cento de colectivos, na que tamén participou a secretaria xeral de Podemos.
"Tendo en conta que a turistificación xera tantos problemas precisamos medidas valentes, medidas contundentes", dixo Ione Belarra.
En Cádiz din que alí o prezo da vivenda é inasumible. Reclaman un aprazamento indefinido na emisión de licenzas para Vivendas de Uso Turístico e que se establezan zonas tensionadas. Queren deter, segundo din, a proliferación descontrolada destas propiedades e garantir o acceso equitativo á vivenda.
"Nós non estamos en contra do turismo en absoluto, queremos un turismo como unha industria máis da nosa cidade que traia traballo real e bo á nosa xente, pero o que non pode pasar é que os boten das súas casas. Por iso cremos que existe un equilibrio e que se deben tomar medidas para que ese equilibrio sexa unha realidade", destacou María Sánchez, da Plataforma Veciñal Cádiz Resiste.
Esixen ademais aplicar unha taxa turística e a realización de inspeccións rigorosas para sancionar as Vivendas de Uso Turístico ilegais, protexendo así o mercado de alugueiro residencial.