Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas rodean San Caetano ao berro de "Altri non" para esixir que se paralice o proxecto

Milleiros de persoas rodean San Caetano ao berro de "Altri non" para esixir que se paralice o proxecto

Trazaron unha cadea humana sobre o perímetro do edificio administrativo da Xunta en Santiago

Convocados pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en defensa da Ría da Arousa reclamanlle á Xunta  que non permita a instalación da celulosa en Palas de Rei

Altri anuncia que as próximas semanas abrirá a bolsa de emprego para uns 500 postos

Os manifestantes ante San Caetano con pancartas con mensaxes contra Altri Os manifestantes ante San Caetano con pancartas con mensaxes contra Altri
G24.gal 30/06/2024 12:45 Última actualización 30/06/2024 14:23

Milleiros de persoas rodearon este domingo a sede da Xunta en San Caetano ao berro de "Altri Non", nunha concentración convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa para esixirlle ao Goberno galego que paralice o proxecto que a multinacional lusa quere instalar no municipio lucense de Palas de Rei.

A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, sinalou que están este domingo ás portas do Executivo autonómico para "esixir á Xunta que faga o seu traballo e vele polos intereses de todos os galegos e non só polos intereses dunha empresa privada".

O voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, volveu a instar o Goberno de Alfonso Rueda que paralice este proxecto, así como o da mina de Touro, que se declarou estratéxico no último Consello de la Xunta.

"Son proxectos que non deixan nada aquí; deixan só a contaminación e iso é a antítese do noso modelo produtivo, que deixa a riqueza aquí, é transversal, fixa poboación e forma parte da nosa identidade", aseverou.

Esta é a segunda gran manifestación en contra do proxecto da celulosa na comarca da Ulloa, despois da multitudinaria marcha que percorreu as rúas de Palas de Rei o pasado mes de maio.

Participantes na concentración en San Caetano contra o proxecto de Altri na Ulloa

“A auga é nosa e non dá celulosa” ou “Altri non, mina non” foron algúns dos lemas que berraron os participantes na protesta, que reuniu a multitude de grupos ecoloxistas e contrarios ao proxecto.

De entre os partidos con representación parlamentaria en Galicia, tan só o BNG subscribiu a convocatoria.

A súa vicevoceira primeira, Olalla Rodil, salientou que “desde o BNG pedímoslle ao Goberno do Partido Popular na Xunta que non impoña a construción dunha fábrica de celulosa na Ulloa que sería unha auténtica bomba ambiental non corazón de Galicia”.

Altri anuncia que vai abrir pronto a bolsa de emprego 

Altri mantén a súa folla de ruta e asegura que nas vindeiras semanas abrirá a súa bolsa de emprego para o proxecto de fibras téxtiles de Palas de Rei.

A compañía asegura nun comunicado que ese proceso de prospección de talento priorizará a captación de persoas na comarca, aínda que o proceso está aberto a todos os que queiran participar.

O cadro de persoal, segundo Altri, roldará os 500 empregos directos e incluirá perfís profesionais variados: desde enxeñeiros a técnicos de laboratorio, persoal de loxística e servizos administrativos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade