Moaña réndelle homenaxe cunha exposición ás xentes do mar e aos seus oficios
Moaña réndelle homenaxe cunha exposición ás xentes do mar e aos seus oficios
A asociación Devanceiros do Mar traballa desde o 2020 para conservar e divulgar a cultura mariñeira deste concello do Morrazo.
A exposición 'O noso mar' pode verse no alto da praza de abastos de Moaña ata o 15 de setembro.
Chalanas, botes anguieiros do Miño, gamelas de Coruxo, dornas, ou botes de Ribadeo. Son algunhas das maquetas de embarcacións tradicionais que forman parte desta exposición que acaba de abrir na praza de abastos de Moaña. Algunha destas pezas saíron das mans de Juan Olivencia, un dos 60 artesáns que forman parte da Asociación de modelistas navais de Galicia.
"Tiñamos que ser máis, porque é unha afección que non se pode perder. Os que formamos parte da Asociación de modelistas navais somos maiores case todos, e non nos gustaría que desaparecese esta afección", asegura Juan Olivencia.
O colectivo Devanceiros do Mar traballa desde hai 4 anos para recuperar o patrimonio material relacionado con distintos oficios do sector pesqueiro en Moaña, un concello cunha forte vinculación histórica co mundo do mar.
"É unha cousa que está quedando no esquecemento das novas xeracións, e cando chegan aquí quedan asombrados de como se andaba antes ao mar e de como se facían as cousas", explica Cristóbal Cordeiro, presidente da asociación Devanceiros do Mar de Moaña.
Na mostra tamén hai pezas doutros tempos e doutros mares, como os restos dun galeón inglés do século XVIII, recuperados por un arrastreiro no Gran Sol. O que reclaman agora é un local para que as súas exposicións temporais acaben converténdose no Museo do Mar de Moaña.