Publicador de contidos
Publicador de contidos

Moda e música protagonistas na segunda xornada da ICC Week

Moda e música protagonistas na segunda xornada da ICC Week

Conta coa presenza de deseñadores coma Modesto Lomba e Jorge Álvarez

Unha porta á cultura que permanece aberta en Ourense ata o vindeiro domingo

G24.gal 18/04/2023 21:22 Última actualización 18/04/2023 21:46

A moda foi a protagonista nesta xornada na Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense. Desta volta, coa presenza de nomes coma os dous deseñadores Modesto Lomba e Jorge Álvarez.

Falaron sobre a moda e a economía creativa, o xeito de combinar creatividade no traballo que desenvolven cada día a través dos seus deseños, o crecemento económico e a responsabilidade social.

A charla enmárcase dentro das moitas actividades que acolle estes días a Semana das Industrias Culturais e Creativas, en que se falará tamén de emprendemento, ciencia, música ou tecnoloxía. 

A moda recala na ICC Week. E faino por méritos propios.

"As marcas que eu represento, que son as de autor, o que crean é identidade de país, cultura, imaxe cara a dentro e cara ao exterior. Eu creo que é un sector no que temos que fixarnos moito e coidalo", explica Pepa Bueno, directora da Asociación de Creadores de Moda de España.

O sector supón o 2´7 por cento do produto interior bruto en España, unha industria que se vai adaptando os tempos e que non renuncia á economía creativa.

"A moda non é só o que vemos ás veces nun desfile que apenas dura vinte minutos. Para chegar a eses vinte minutos houbo un proceso económico, laboral e de xestión importante, por iso falamos e nos sentimos tamén nesa raíz da industria cultural e da economía cultural", apunta o deseñador Modesto Lomba.

A moda, o desenvolvemento territorial, a ciencia ou a música.... os camiños desta semana das industrias culturais e creativas son moitos. Hoxe estréase o vídeo Agua soy, de Teo Cardalda e Sole Giménez, gravado en distintas localizacións da provincia de Ourense.  

"A min gústame moito Ourense, gústame o continxente cultural, a idiosincrasia dunha provincia interior, eu que son de moi preto do mar, entón encantado de ter feito isto", di o músico Teo Cardalda.

Nos vindeiros días haberá espazo para a intelixencia artificial, o emprendemento, as redes sociais, mesmo para a estrea en Galicia do filme Honeymoon. Unha porta á cultura que permanece aberta en Ourense ata o vindeiro domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade