Xa son máis de 2.000 os falecidos e outros 2.000 os feridos no tremor de Marrocos
Xa son máis de 2.000 os falecidos e outros 2.000 os feridos no tremor de Marrocos
1.404 feridos no tremor de 6,9 graos na escala de Richter están en estado grave
O rei, que decretou tres días loito, ordena despregar un programa de emerxencia para atender as vítimas e rehabilitar os edificios danados
O rei Mohamed VI de Marrocos decretou este sábado tres días de dó no país polo tremor que deixou polo menos 2.012 persoas mortas e outras 2.059 feridas, 1.500 moi graves. Tamén ordenou despregar un programa de emerxencia para atender as vítimas e rehabilitar os edificios danados.
Tras unha sesión de traballo para examinar a situación tras o sismo, o soberano expresou o agradecemento de Marrocos "aos moitos países irmáns e amigos que expresaron a súa solidariedade co pobo marroquí nesta difícil situación", indica nun comunicado o gabinete real.
Mandou ademais que este domingo se leve a cabo unha oración polas persoas falecidas no conxunto das mesquitas do país.
Na reunión, o rei deu instrucións para crear unha comisión interministerial que poña en marcha un programa de urxencia de rehabilitación e axuda á reconstrución dos edificios destruídos.
Tamén para coidar das persoas máis necesitadas, sobre todo as orfas, vulnerables e sen teito por mor do sismo.
O rei animou os operadores económicos a que retomen con rapidez a súa actividade nas zonas sinistradas e anunciou a apertura dunha conta especial con cargo ao Tesouro no Banco Central Marroquí para recibir os donativos de solidariedade.
20 segundos de terror e destrución
Mandatarios e gobernos de diferentes partes do mundo ofreceron axuda a Marrocos tras o devastador terremoto, de 6,9 graos na escala de Richter, que azoutou o país ás 23:11 horas deste venres.
Foron arredor de vinte segundos de terror e destrución. Centos de equipos de rescate traballan contra o reloxo á procura de superviventes.
As autoridades locais din que o terremoto, con epicentro na localidade de Ighuil, a sesenta quilómetros de Marrakech, foi o peor da súa historia como país.