Elevada participación na feira cabalar no día grande das San Lucas de Mondoñedo
Elevada participación na feira cabalar no día grande das San Lucas de Mondoñedo
Moita concorrencia na feira e festa das San Lucas, a máis antiga de Galicia, que ten no paso dos cabalos ante a catedral un dos actos centrais
A que é a edición número 866, nada menos, desta festa anual, desenvólvese conforme ao que vén sendo tradicional, co protagonismo de gandeiras e gandeiros. Desta volta levaron ao día grande das San Lucas varios centos de cabezas, co predominio de équidos, coas que facer a feira ao modo de sempre tras os condicionantes que houbo pola covid.
Miguel Souto Cabana, presidente da Asociación As San Lucas di que "é onde fan o trato e é a esencia das San Lucas. Son as festas máis antigas de España. Sobre un milleiro de cabezas de gando pódense chegar a xuntar. Nos apoiamos a gandería e intentamos compensar o esforzo dos gandeiros cos premios para que siga a tradición".
Unha muller conta que están alí porque lles gustan moito os animais e que esta feira é unha boa maneira de ver gando. "As San Lucas sen os cabalos non se entenden e os cabalos sen as San Lucas, tampouco" di outro integrante da Asociación.
A capital da Mariña central é punto de encontro hoxe de xentes de toda Galicia, de Portugal, de Asturias, de Castela e León.... nun día grande de festa que tivo este luns a actividade máis vistosa e agardada da celebración: a baixada dos cabalos do monte e o paso diante da catedral.
Isto é o que senten quen a viven de cheo, como o presidente da asociación das San Lucas.
"Orgullo. Orgullo. Pelos de punta. Emoción... Non hai palabras para explicalo. É algo que te enche, que te enorgullece do pobo de que sigamos coa tradición desde 1156. Porque a esencia non cambiou desde 1156. E aínda non se descubrira América!", afirma Miguel Souto.