Moitas familias escollen a ponte da Constitución para decorar a casa polo Nadal
Moitas familias escollen a ponte da Constitución para decorar a casa polo Nadal
Os adornos clásicos conviven con novas propostas adaptadas ás modas e aos gustos dos pequenos da casa
A ponte da Constitución é o momento escollido por moitas familias para poñer a decoración do Nadal, unha decoración que mantén elementos clásicos, pero que tamén incorpora novas propostas e se adapta ás modas e aos gustos dos pequenos da casa.
Cando a luz diúrna se esvaece, os fogares prenden o Nadal. En decembro, as árbores reconquistan o seu espazo, cargadas de luces e de adobíos que superaron hai tempo o binomio clásico bólas-grilandas.
"Con luz, algún colgante antigo e pouco máis. Agora gústame máis só con luz".
"Son bastante tradicional, así que poño todo con tons verdes e vermellos".
"Nós temos casiñas de madeira e quebranoces, que nos encantan", comentan tres mulleres nunha tenda da Coruña cunha amplísima oferta de adornos.
As árbores de Nadal incorporan adornos de materiais e motivos moi diversos. Hainas frondosas e minimalistas, de tamaños xenerosos ou anecdóticos.
Nos últimos anos colleu forza a opción do abeto natural. Lucas Villar véndeos na súa florería e, pasadas as festas, recólleos de volta para darlles unha nova vida.
"Nós replantámola por eles, dicímoslles onde está para que poidan visitar a árbore que os acompañou durante o Nadal e así tamén achegamos o noso grao de area para repoboar o monte galego", explica.
Decoracións dispares, reflexo da maneira propia de entender e de vivir o Nadal en cada fogar.