Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia considera que o acordo de pesca comunitario "se pode reverter e vaise reverter"

Galicia considera que o acordo de pesca comunitario "se pode reverter e vaise reverter"

No Atlántico, o que máis interesa á frota galega, aumentan un 23 % e un 17 % as cotas de rapante e peixe sapo en augas ibéricas, mantense a da pescada e queda case igual a de linguado no golfo de Biscaia

Do outro lado, redúcense un 62 % a do ollomol, tamén para 2026, e preto do 40 % a do linguado na zona 3a 

O novo eurocomisario de Pesca di que poderán pescar practicamente o mesmo que agora se aplican a ducia de medidas pactadas para facelo de xeito máis sostible

G24.gal 11/12/2024 02:01 Última actualización 11/12/2024 11:18

O Goberno galego considera que o acordo de pesca acadado na madrugada deste mércores polos ministros comunitarios "se pode reverter e vaise reverter".

Segundo explicou o conselleiro de Pesca da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, "as cifras negativas da proposta inicial máis ou menos se manteñen, polo que cómpre sermos cautos". Nunha entrevista no programa Bos días de Televisión de Galicia, Villares manifestou que "estas cifras negativas nunca se pode dicir que son positivas", a propósito da redución da cota da pescada nun 20 %, rebaixa que no documento inicial ascendía ao 28 %. 

"Queda moito traballo por facer e cremos que esta situación se pode reverter e vaise reverter", dado que o punto de partida "era un documento envelenado elaborado polo equipo do anterior comisario de pesca", abundou o conselleiro, en referencia á figura de Virginijus Sinkevicius.

A incidencia do acordo na frota galega

As negociacións suavizaron o recorte que se propoñía para a pescada. A rebaixa do 28 % finalmente queda no 20 %. Así que o ano que vén, a frota poderá capturar 32.479 toneladas de pescada en augas do Gran Sol. 

A frota do cerco poderá pescar máis xurelo. En total, en 2025, poderá capturar 65.221 toneladas de xurelo en total, das que máis de 59.000 serán para a frota comunitaria e ata un 80 % poderase coller no Cantábrico noroeste de Fisterra ao Bidasoa. 

Aumentan un 23 % e un 17 % as cotas de rapante e peixe sapo en augas ibéricas e queda case igual a de linguado no golfo de Biscaia. Redúcense un 62 % a do ollomol -tamén para 2026- e preto do 40 % a do linguado na zona 3a.

Recórtase o total admisible de capturas de rapante nun 3 % ao oeste de Escocia, 5.874 toneladas, e no mar do Norte, e un 9 % nos caladoiros que rodean Irlanda, 20.030. Tamén se recorta un 1 % a captura de peixe sapo, ata as 47.559 toneladas.

As confrarías din que é un acordo "agridoce"

Para o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, o galego Basilio Otero, a sensación que queda tras o acordo comunitario é "agridoce".

"Foi un consello de ministros do Mediterráneo, alí as cousas foron medio boas e en Galicia a cousa foi un pouco mellor, sobre todo para os que pescan en augas ibéricas", asegurou.

"Non houbo practicamente modificacións interesantes pero si que nos preocupa o xurelo, estamos esperando que nos expliquen as flutuacións das 75.000 toneladas que nos dixeron que nos ían dar fronte á 0 que temos este ano; tamén a pescada do Gran Sol, onde temos unha redución do 20 %, aínda que é certo que había unha proposta de redución do 28 %", explicou Otero. 

O presidente das confrarías tamén está á espera das cotas para a anchoa. "Agardemos que nos próximos días desde o Ministerio nos digan as cousas que quedan por saber", concluíu.

Acordo pesqueiro da UE: lixeira alza de pescada, aumento de rapante e peixe sapo, pero con recortes en Gran Sol

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, celebrou este mércores os "bos resultados" do pacto sobre repartición de cotas de pesca da UE para 2025, en que España conseguiu incluír medidas para amortecer o recorte ao arrastre no Mediterráneo, á vez que logrou manter as capturas dalgunhas das especies "máis apreciadas" para a frota do Atlántico.

Aínda que o Mediterráneo centrou os esforzos na negociación deste ano polo "drástico" da proposta da Comisión, Planas non quere que ese foco distraia dos bos resultados tamén para a frota do Atlántico, que "cumpre as expectativas de España".

No caso da pescada sur, que Planas describiu como "unha das especies máis apreciadas para a frota", a cota aumenta lixeiramente de 10.921 a 10.953 toneladas, tras consolidar a recuperación da especie, o que asegura a estabilidade das frotas do Cantábrico e do golfo de Cádiz.

De igual modo, increméntase a cota de galo sur en 732 toneladas ata as 3.942 e a do peixe sapo sur en 625 toneladas ata as 4.340, mentres que se duplica a do lagostino do Cantábrico, que pasa de 12,4 a 25 toneladas.

Tamén a cota de linguado pasa de 5 a 6 toneladas, pero a do xurelo experimentou un recorte significativo do 65,9 %, pasando as 43.032 toneladas de 2024 ás 14.668 adoptadas no acordo de 2025.

Así, mantéñense as mesmas cotas que en 2024 para o lagostino do golfo de Cádiz, que en 2025 tamén alcanzará as 30 toneladas e o abadexo, que suma nas tres zonas de pesca de España un total de 388 toneladas.

Acordos con Noruega e o Reino Unido

No caso das especies compartidas con Noruega, aumentaron as posibilidades de pesca do bacallau e os accesos mutuos ao Mar do Norte, do que se beneficiará especialmente a frota galega.

En base ao acordo, incrementáronse as posibilidades de pesca do bacallau ártico para España ata as 2.617 toneladas, o que supón un 3 % mais que en 2024, á vez que se mantén a cota de cabra ártica en 106 toneladas explotadas.

No que respecta ao acordo co Reino Unido, Planas destacou que se lograron os principais obxectivos de España, que logrou unha redución do 20 % para a cota de pescada norte fronte ao recorte do 30 % que expuña Bruxelas.

No caso da pesca de xurelo compartida coa frota británica, e "tras varios anos de cota cero", Planas apuntou que a España lle corresponderá un total 6.719 toneladas, unha cifra "importante" porque será un "alivio" para as frotas de arrastre do Cantábrico noroeste.

Polo seu lado, o ollomol pasará a ter unha cota accesoria para evitar o esgotamento da especie, mentres que o peixe sapo norte experimentará unha subida global do 54 % ata as 3.817 toneladas.

Recorte no Mediterráneo

"Conseguimos neutralizar a diminución do 79 % que reduciría os días de actividade da frota" dos 130 actuais a 27, explicou Planas en rolda de prensa, en referencia á "radical" e "desenfocada" proposta da Comisión Europea que, segundo o sector, supoñía unha "sentenza de morte" para a pesca de arrastre.

Para amortecer ese recorte e garantir a supervivencia da frota, recorreuse a un mecanismo de compensación "aumentado" que permitirá recuperar días de actividade se se cumpren certas medidas ambientais -a elixir entre 12, das cales se aplican 6 a España- tales como o uso de novas mallas, portas voadoras, a imposición de vedas ou o peche temporal dalgunhas zonas para protexer ás especies demersais cuxa recuperación preocupa á Comisión: as crías de pescada e a gamba vermella.

Planas sinalou que estas medidas máis selectivas coas capturas equilibran esa redución do 79 % e que xa "só a suma de dúas delas" -o uso de redes de 45 mm en pesca costeira e de 50 mm para augas profundas- suma xa unha compensación do 80 %, polo que, "en termos prácticos, os pescadores van poder dispoñer de mesmos días de traballo que en 2024".

"É unha magnífica noticia que permite continuar a actividade pesqueira no Mediterráneo e salvar o impacto socioecónomico que tería unha media tan drástica como a que expuña a Comisión Europea", agregou o ministro, quen cualificou estas negociacións como "as máis difíciles" da súa vida.

Menos optimistas mostráronse desde o sector, xa que como apuntou o secretario xeral da Confederación Española de Pesca (Cepesca), Javier Garat, "para poder manter os días de pesca haberá que facer un esforzo adicional, que non todos poderán cumprir".

"Terá consecuencias sociais e económicas no sector pesqueiro do Mediterráneo; veremos cantos logran sobrevivir", advertiu, ademais de acusar, en particular, a necesidade de cambiar as mallas de pesca "outra vez".

Tamén no Mediterráneo se logrou mitigar a redución da gamba vermella, unha das especies da zona que conta excepcionalmente cun total admisible de capturas (TAC) -xa que a pesca na zona mídese habitualmente en días de pesca-, do 30 % que pedía Bruxelas ao 10 %, o que Planas destacou como "unha excelente noticia para os pescadores".

Por último, queda pendente de adoptar o TAC para a anchoa no golfo de Cádiz, que non se incluíu nas negociacións á espera do informe científico pertinente, polo que está previsto que as cifras finais se aproben nunha nova reunión a nivel de embaixadores e da que Planas espera un "resultado satisfactorio".

Acordo unánime sobre as posibilidades de pesca nas augas da UE o ano que vén

Os ministros de Pesca da Unión Europea (UE) lograron este mércores pechar por unanimidade un acordo sobre as posibilidades de pesca en augas comunitarias do Atlántico e o Mediterráneo en 2025, segundo informaron o Consello da UE e a Comisión Europea.

O acordo logrouse tras dous días de reunión en Bruxelas, marcados pola oposición de España ao recorte nas xornadas de pesca no Mediterráneo que expuxera a Comisión Europea (CE) a finais de novembro.

"O acordo alcanzado hoxe no Consello de Agricultura e Pesca (da UE) permitirá manter as poboacións de peixes en niveis sostibles e protexer a contorna mariña, á vez que se considera tamén a viabilidade do sector", escribiu a presidencia húngara do Consello da Unión Europea no seu perfil da rede social X.

Nun comunicado, o Consello precisou: "No que respecta ao Mediterráneo occidental, os ministros acordaron reducir o esforzo pesqueiro dos arrastreiros nun 66 % en augas españolas e francesas e nun 38 % en augas francesas e italianas para protexer as poboacións demersais, tendo tamén en conta o impacto socioeconómico nas frotas".

O comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, asegurou nunha conferencia de prensa posterior á reunión que para incentivar prácticas sostibles que protexen as crías e incrementan a selectividade no Mediterráneo acordouse un mecanismo de compensación que tamén aliviará o impacto socioeconómico da redución nos días de pesca.

Nese sentido, explicou que os pescadores poden beneficiarse dun incremento "substancial" do número de días en que saen ao mar para pescar "se se comprometen coa selectividade" (a capacidade dos métodos de pesca de seleccionar os peixes e tamaños desexados), co peche á pesca de áreas de mar e co uso de instrumentos de pesca "innovadores".

Como exemplo, dixo que se un barco usa mallas de 15 milímetros baixo certas condicións pode recibir un 50 % máis de días de pesca. Indicou que o mecanismo de compensación inclúe en total doce medidas coma esa.

Engadiu que esas doce medidas se poden acumular e que se un barco utiliza todas elas pode pescar os mesmos días ou case os mesmos días que pescou este ano.

Explicou que ademais haberá financiamento con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, para que os pescadores poidan solicitar estas medidas.

Afirmou que o acordo sobre o Mediterráneo aborda a mortaldade por pesca, que aínda é demasiado alta, preserva os medios de vida dos pescadores no longo prazo e mellora as oportunidades para a recuperación das poboacións de peixes.

Recoñeceu que foron unhas negociacións "longas e complexas" e asegurou que fixo "todo" o que estaba na súa man para recorrer á flexibilidade máxima que permite o marco xurídico para asegurar o mellor equilibrio posible entre as consideracións sociais, económicas e ambientais.

Agregou que a mensaxe que se quere enviar é que se seguirá pescando "os mesmos días practicamente, case as mesmas posibilidades de pesca pero de maneira máis sostible".

Entre os principais elementos relativos ao Atlántico e o Mar do Norte, Kadis dixo que se acordaron 16 totais admisibles de capturas (as cantidades máximas dunha poboación de peixes que pode pescar a UE) a niveis sostibles e que o acordo permitirá aumentar o récord de sustentabilidade, mantendo ademais o obxectivo da política pesqueira común.

"Ninguén se irá dicindo que o conseguiu todo ou que o perdeu todo. É un mínimo denominador común aceptable para todos", sinalou o ministro húngaro de Agricultura, Istvan Nagy.

A proposta inicial da Comisión Europea para o Mediterráneo supoñería para a frota de arrastre española nesas augas unha redución do 79 % nos días de pesca, de modo que eses barcos só poderían saír ao mar 27 xornadas ao ano.

Á súa chegada ao encontro dos ministros o pasado luns, o titular de Agricultura e Pesca español, Luis Planas, asegurara que esa proposta de Bruxelas era "claramente inaceptable".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade