Moito traballo nas pastelerías para a elaboración dos roscóns de Reis
Moito traballo nas pastelerías para a elaboración dos roscóns de Reis
Estes días se hai unha imaxe que se repite cando camiñamos polas rúas é a dos escaparates das pastelerías cheas dos clásicos roscóns de reis. Unha tentación a que poucos se resisten.
De pastelerías coma unha de Ourense saen estes días preto de dous mil roscóns. Unha tradición do máis saborosa que poucos perdoan no nadal e que aquí elaboran con agarimo e tranquilidade seguindo as receitas tradicionais e usando ingredientes preferentemente galegos. Son días de moito traballo, pero celebrar a chegada dos Reis Magos, ben o merece.
Hai moitas horas de traballo, que estes días inevitablemente se multiplican. Preto de 2000 roscóns elaboran e venden aquí dende o pasado día 2 e ata o próximo 6 de xaneiro.
"Facemos unha masa nai e deixámola fermentar con moito repouso e coidando as temperaturas. Despois o de sempre: fariña, ovos, manteiga. Sobre todo produtos bos, nós procuramos que sexan produtos galegos, evidentemente. Pero non ten segredo ningún xa, todo o mundo sabe facer roscóns e todo o mundo sabe como se elaboran máis ou menos", explica o pasteleiro Martín Sousa, da pastelería ourensá Milhojas.
Si, algúns saben pero poucos queren pasar o traballo, así que aquí teñen a solución e a receita definitiva.
"Como se fai? pois mira, toma unha caña cos teus amigos nun bar ou vai de paseo ou fai algunha cousa. Ven a pastelería, encarga o teu roscón e o levas para casiña e non lévache traballo ningún".
Din que desta vez teñen moitos máis encargos que outros anos. O roscón, pensan moitos, non pode faltar na sobremesa.
"Comprámolo o día 5, eu ou a miña filla, xa veremos, pero en principio comprámolo todos os anos".
E lembren que o que atopa a faga paga o roscón, e que aínda quedan días para probalo e gozar dunha das máis doces tradicións do Nadal.