Moitos dos bares dos barrios de Ourense están pechados por vacacións en agosto
Moitos dos bares dos barrios de Ourense están pechados por vacacións en agosto
Mentres as zonas máis turísticas da costa e mais as vilas e tamén aldeas galegas se enchen de xente no verán, hai cidades como Ourense onde os barrios quedan medios baleiros e coa actividade baixo mínimos, que ata pechan os bares. Por exemplo, en barrios como o da Ponte, son moitos os hostaleiros que aproveitan a falta de clientela para coller uns días de vacacións.
"Eu collo sempre a primeira quincena de xullo e a semana do 15 de agosto, e o resto traballando, pero algo de descanso hai que ter", explica Manuel Requejo, o dono da Tapería Os Canelles, no barrio ourensán da Ponte.
"Os barrios pechados nos barrios pasa todos os anos, pero este ano é a conversa de moda. Nesta zona ao mellor hai uns 10 bares e pechan sete, pero quedan tres. A hostalería é coma calquera negocio, cando baixa o traballo, pois aprovéitase ou ben para as vacacións ou facer algunha reforma", conta Juan Francisco Pérez, o dono do Bar Tapada, situado na rúa San Rosendo, no barrio da Ponte.
Pechados por vacacións, así están en agosto moitos dos bares nos barrios da cidade de Ourense. Pasa, por exemplo na avenida de Bos Aires e tamén no barrio da Ponte. Tamén hai bares como o de Roberto e María, na Ponte, que abriron hai tres meses e este ano non van pechar por vacacións.
"Por agora non imos pechar, temos que aproveitar a coller todo o que veña, ir collendo xente e ir aumentando a clientela", asegura Roberto Vázquez, o dono do gastrobar Zazú, tamén no barrio da Ponte".
E os veciños que quedan na cidade e no barrio din que, sobre todo as fins de semana, custa atopar un bar aberto
"Creo que non deberían cerrar todo á vez. Porque se non o barrio dá medo".
"Está a maioría do barrio pechado, eu creo que será porque a xente non está tampouco, van de vacacións ou á aldea. Imaxino que será iso. Pero a verdade é que sempre comentamos que pechan todos xuntos, e en agosto resulta imposible case atopar onde tomar un café". É o que comentan dous veciños do barrio da Ponte.
Os que se manteñen abertos son os restaurantes, que aproveitan o turismo que chega de paso polo barrio da Ponte.
"No centro ou nos restaurantes sobe a clientela polo turismo, pero polo demais é igual. E á parte, os que nos dedicamos a isto tamén nos gusta un raio de sol de vez en cando. Que non temos por que coller sempre as vacacións no mes de decembro", afirma o hostaleiro Juan Francisco Pérez