Moitos galegos en Suíza cancelan a viaxe de Nadal polas medidas anticovid
Moitos galegos en Suíza cancelan a viaxe de Nadal polas medidas anticovid
As dúas probas negativas ao retorno encarecen a viaxe en familia
Temen novas medidas de última hora pola situación no país helvético
Piden que as probas sexan gratis para os vacinados
É un clásico do noso Nadal: o abrazo dos emigrados en Suíza á súa chegada a Galicia. Pero este ano serán menos os avós que biquen os netos da diáspora. "Moita xente coa que falei decide quedar en Suíza este Nadal para evitar problemas e gastos", explica Carlos Canosa, presidente do Centro Galego de Lucerna.
Miguel Pampín, enxeñeiro en Lausana, recorda o exemplo da semana pasada, "xente que quedou en terra en Galicia porque dun día a outro o goberno Suízo decidiu pedir as PCR antes de voar".
As medidas para frear a pandemia no país helvético provocan inseguridade e encarecen a viaxe. Polo momento non haberá corentena á volta, pero teñen que facer unha PCR antes de subir ao avión e outra PCR ou proba de antíxenos aos 4 días.
E cada proba alí custa uns 130 euros. "Para unha familia de catro son uns 1000 euros máis e engadir á viaxe, é un gasto desorbitado. Deberían facelo gratis para os que estamos vacinados, hai moito movemento antivacinas aquí", engade Xosé Abelenda, inspector sindical en Lausana.
Cunha media de 9.000 novos contaxios diarios, non se descarta que Suíza tome novas medidas para conter o virus. Por iso son moitos os que agardan á última hora para decidir se esta Noiteboa cearán raclette alpina ou marisco da ría.