Moitas zonas marisqueiras perden toda a campaña do Nadal e temen o futuro
Moitas zonas marisqueiras perden toda a campaña do Nadal e temen o futuro
O sector urxe a concretar e paliar as causas da morte do marisco nas rías
O problema da alta mortaldade do marisco rexistrado este ano nas rías galegas afecta todo o sector, pero hai bancos que tiveron que dar por perdida completamente a campaña máis importante do ano, segundo explica o presidente da Confederación Galega de Confrarías de Pescadores.
"Hai zonas e confrarías que perderon toda a campaña de Nadal, que tiñan ese marisco reservado para iso e morreulles todo", afirma José Antonio Pérez Sieira.
O sector está preocupado pola situación actual e polas perspectivas de futuro e urxe a dar con todas as causas para paliar os danos e rexenerar as rías.
"Non é só o problema da mortaldade deste ano, que xa se foi, senón que quedou moi debilitado o marisco e a cría do ano que vén, e aí temos un problema grave", alerta o presidente da Confederación Galega de Confrarías de Pescadores.
José Antonio Pérez Sieira di que é importante que saia adiante a declaración de zona catastrófica solicitada pola Xunta ao Goberno central para que todos os afectados teñan cobertura económica.
"Habería moitos mariscadores que quedarían fóra das axudas. A única forma que temos de entrar nas axudas sería que se declarase zona catastrófica", explica.