Moitos veraneantes estiran as vacacións ata o último momento
Moitos veraneantes estiran as vacacións ata o último momento
Setembro comezou en domingo, e moitos aproveitaron esta xornada para pasar na praia o último día antes de regresar ao traballo
Chegou xa setembro, pero caendo este primeiro día do mes en domingo fixo que algúns veraneantes puidesen estirar as vacacións ata o último momento, aínda que fose un chisco.
"Hai que aproveitar ata o último día ao máximo"; "Mañá marchamos, estou con ganas de quedar, voume espernexando", din algúns veraneantes.
Estas son imaxes de Baiona este domingo, e tras un mes de agosto ateigado de visitantes, xa se percibe que baixou a afluencia de turistas.
"Xa se notou, fixen unhas fotos polas praias e hai a cuarta parte de xente e sendo domingo ademais, a xente xa marchou", aseguran outros.
Aínda así, outros aproveitaron para seguir gozando do bo tempo e do último día de praia das vacacións para moitos.
"Comezamos a traballar o luns pola tarde, e lévase mal despois dun mes de relaxamento, hai que volver á tensión do traballo e á rutina. Hai moi poucas ganas, a verdade, pero todos os anos son así e hai que facelo, non hai outra", recoñecen outros veraneantes.
A praia de Samil, en Vigo, continuaba este domingo ateigada. Xúntanse os que comezan agora o seu período de descanso laboral, os que non perden unha fin de semana con bo tempo e os que estiran as vacacións ata o último momento. A poucas horas de regresaren á rutina e ao traballo, algúns resístense a abandonar xa a toalla, o parasol e o traxe de baño.