O sector da construción, en tensión con moita demanda e escasez de man de obra
Unha situación de tensión que tira cara a arriba as tarifas, as materias primas e a man de obra cualificada
Os profesionais vencellados ao mundo da construción e reparación viven un momento agridoce. Están saturados de traballo o que lles permite subir o prezo das súas tarifas, co que calquera obra ou arranxo case é un artigo de luxo.
Pero por outra banda, o sector adoece dunha alarmante falla de man de obra que dificulta a remuda xeracional para dar atendido a demanda.
Calquera que se teña enfrontado á necesidade de facer unha obra ou reparación na súa casa atoparía esta resposta cando chama ao carpinteiro, fontaneiro, albanel ou electricista:
"Estamos a tope", afirma Gabriel Fernández, de Carpintería Ebanistería Milano.
"Andamos bastante saturados, a verdade que traballo non falta e non damos feito", indica Luis Sevilla, xerente de Selec. Instalacións Eléctricas.
Malia que non vivimos unha época de boom na construción, si é certo que hai moita demanda que non se dá cuberto cos profesionais que se manteñen en activo. Feito que os obriga a adiar os traballos durante meses ou anos.
"É complexo, e facilmente dous ou tres meses mínimo precisamos para poder executar todo o traballo", sostén Luis Sevilla.
"Un mes ou tres temos dado, pero imos sobre a marcha", afirma Gabriel Fernández.
"Estamos todos desbordados. Falta atopar persoal para cubrir toda esa demanda", di Pablo Crespo, presidente de Foncalor Asociación de fontaneiros e instaladores de Vigo.
Unha situación de tensión que tira cara arriba as tarifas, empurradas tamén pola carestía das materias primas e da man de obra cualificada, que é escasa.
"A demanda que temos hoxe de man de obra fai que ese prezo poda encarecer un pouco máis todo. Técnicos superiores e enxeñeiros están menos valorados a día de hoxe que a man de obra dun técnico básico", indica Luis Sevilla.
"As empresas somos os encargados de ter que asumir eses custos elevados para contratalos e que se formen. Entón debería haber por parte das administracións máis colaboración nestes aspectos", sostén Luis Sevilla.
Os plans de formación profesional non son abondos para fornecer as necesidades de sectores en que se valora a experiencia, a habilidade e a formación continua para adaptarse ás novidades tecnolóxicas.
"Estamos faltos de persoal. Non é fácil ter un persoal preparado para todos estes cambios. E é un persoal que debe estar continuamente formándose", explica Pablo Crespo.
"Dificultades hai porque todo o profesional está xa colocado posto que hai moita demanda. As novas xeracións veñen xa formadas pero non teñen a mesma disposición para traballar", afirma Luis Sevilla.
Aquí hai traballo para o futuro, só cómpre ter ganas e poñerse mans á obra.