A construción, declarada sector estratéxico en Galicia
Asume o desafío de triplicar o parque de vivenda pública nos próximos anos
Os construtores e a conselleira Martínez Allegue reúnense para falar de asuntos como a falta de man de obra ou o aumento de prezo dos materiais
O da construción é un dos ámbitos en que esperan beneficiarse no programa Retorna para cubrir as vacantes. Padece falta de man de obra estrutural desde a crise de 2008. Pero a industralización dos procesos e o uso de prefabricados abriu unha nova perspectiva.
Este xoves, na Coruña, os representantes do sector analizaron a oportunidade que supón o incremento da obra pública. Había dous anos que todo o mundo da construción en Galicia non cadraba nun acto coma este. Celebrouse na Coruña, dúas semanas despois de que a Xunta declarase que este sector é estratéxico para a economía galega.
"E xusto cadra con todos os retos que temos como sector, o da industralización, o de conseguir a man de obra necesaria para cuestións tan importantes como a construción de vivenda", declarou Diego Vázquez, o presidente dos Construtores de Galicia
Os construtores galegos din que se senten preparados para unha nova etapa despois de lograr avances en formación, sostibilidade e, sobre todo, coa innovación incorporada, prefabricados en industrias compoñentes que antes se realizaban en obra.
"As técnicas industrializadas teñen que vir para quedar. Desde a Consellería somos perfectamente conscientes de que a primeira preocupación que ten a sociedade é o acceso á vivenda e estamos a traballar arreo niso. Licitamos obras de vivenda por importe de 135 millóns de euros en só once meses e en materia de infraestruturas en 76 millóns de euros", explicou a Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
Marcan o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda sen que se resinta a construción de infraestruturas públicas. Neste encontro falouse ademais do incremento do prezo dos materiais. E estiveron de acordo en que Administración e empresas, co programa Retorna, poden traballar xuntas para conseguir máis man de obra que permita o arranque dun sector que en Galicia supón un 9 % do PIB, ten máis de 12.000 empresas e ocupa a 133.000 traballadores.