Moitos viaxeiros seguen a usar o avión para ir a Madrid ante a falta de prazas nos Avril
Moitos viaxeiros seguen a usar o avión para ir a Madrid ante a falta de prazas nos Avril
Outros pasaxeiros prefiren coller un voo porque lles resulta, segundo din, "máis cómodo, máis rápido e máis operativo"
"Imos a Madrid. Escollemos o avión porque aínda que sabiamos que tiñamos o AVE. Non había billetes desde hai dúas semanas e entón a única posibilidade era vir en avión, que nos saíu bastante máis caro que o tren, como o dobre, pero non había outra posibilidade de chegar á casa en tempo e forma", dicía Antonio, un pasaxeiro.
O prezo dos billetes e a duración do traxecto condiciona elixir un ou outro medio de transporte.
E ao igual que Antonio, outros moitos viaxeiros collían esta mañá no aeroporto Rosalía de Castro, en Compostela, un dos voos con destino Madrid. Algúns deses pasaxeiros recoñecían preferir os trens de Alta Velocidade, pero finalmente optaron polo avión ao non atopar billetes de tren dispoñibles.
"É moi cómodo cando as distancias son curtas, preferiría en tren, pero neste caso non había billetes e entón tocou en avión"; "Xustamente porque non quedaban billetes de volta en tren; vin en tren, pero á volta xa non quedaba sitio, tívenme que apañar e vir en avión. Prefiro ir e volver en tren, pero o avión era a única opción", comentaban outros viaxeiros.
Pero mentres uns deciden coller un voo como último recurso por falta de prazas libres no tren, outros seguen a preferir o avión porque, segundo din, séguelles a resultar máis cómodo, máis rápido e máis operativo.
"Principalmente porque o billete de ida de avión saíame mellor para o traballo porque collémolo ao mediodía e é máis fácil a ida e volta en avión. O metro chega ata o aeroporto e hai liña directa ao centro, así que está bastante ben tamén", destacaba outra pasaxeira.