Moncho López devolve a ilusión ao COB cunha malleira sobre o Cartaxena
Moncho López devolve a ilusión ao COB cunha malleira sobre o Cartaxena
A estrea da Primeira Feb deixa o cadro ourensán como o primeiro líder, logo de gañar por 101-73
O novo Club Ourense Baloncesto de Moncho López comezou dun xeito inmellorable na Primeira FEB. Derrotou o Cartaxena por 101-73 amosando un gran nivel de baloncesto. O partido quedou resolto no primeiro tempo no que o COB foi unha apisonadora (46-28 no tempo de lecer).
A superioridade en todos os aspectos resultou manifesta. As porcentaxes de acerto no tiro foron magníficas (56% en tiros de 2 e 43 % nas triplas). Nos rebotes o COB colleu 47 por 24 do seu rival. E chega con botar un vistado á valoración (130 o COB e 53 o Cartaxena) para decatarnos da diferenza.
Rafael Lisboa e Moody, con 16 puntos, acabaron como máximos anotadores do partido pero ata catro xogadores ourensáns estiveron nas dobres figuras. Un día perfecto para a estrea de Moncho López.