A Moncloa vai cambiar a lei do "só si é si" para evitar problemas na aplicación
A Moncloa vai cambiar a lei do "só si é si" para evitar problemas na aplicación
Fontes do executivo aseguran que abordan posibles modificacións da man da ministra de Igualdade, Irene Montero
Podemos denuncia unha "ofensiva en toda regra contra" contra o texto orquestrada por "sectores conservadores"
O Goberno de coalición está a abordar solucións aos problemas xerados pola aplicación da Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como lei do "só si é si", da man da ministra de Igualdade, Irene Montero, de xeito "serio e rigoroso", segundo fontes da Moncloa.
As mesmas fontes sinalan que os dous partidos no executivo, "con plena sintonía", son conscientes dos efectos non desexados que xera a aplicación da lei, coa revisión de condenas a agresores sexuais, e queren contribuír xuntos a resolvela.
Abordar con responsabilidade esta situación, sinalan, require detemento, porque é complexa desde o punto de vista técnico. Aseguran que están a traballar para que non se repitan os problemas detectados. Dende a súa aplicación, reducíronse máis de 200 condenas.
Ofensiva en toda regra
A coportavoz de Podemos, Isa Serra, e o deputado Rafa Mayoral denunciaron este sábado "unha ofensiva en toda regra" contra a lei do "só si é si", na súa opinión orquestrada por sectores conservadores que están "a presionar" para "volver ao modelo anterior".
Así o remarcaron en Toledo, onde interviñeron nun acto público, xunto ao candidato de Podemos á presidencia de Castela-A Mancha, José Luis García Gascón, dentro da ruta de precampaña 'A Forza que Transforma'.
Por outra banda, fontes de Podemos aseguran que "o Goberno non parou de buscar fórmulas para que a lei se aplique de forma correcta, compartindo a preocupación social polas decisións daqueles xuíces que están a decidir rebaixar penas. Seguimos traballando niso".
Porén, engaden, "a día de hoxe non hai acordo sobre unha solución válida. O PSOE ten presións para volver ao modelo anterior e que o consentimento deixe de ser o centro do código penal".