Monforte, sen parada de viaxeiros ata o 2 de abril
Monforte, sen parada de viaxeiros ata o 2 de abril
Renfe estableceu plans alternativos de transporte por estrada para os servizos programados durante este período
Haberá modificacións nas conexións entre Galicia e Cataluña, Ponferrada ou León, así como nos trens que unen A Coruña con Ourense ou Monforte de Lemos
Adif informou que segue avanzando nos “traballos de renovación e modernización da estación de Monforte de Lemos”, o nó ferroviario que conecta as liñas de ancho convencional León-A Coruña e Monforte-Vigo Guixar, así como as actuacións que realizará entre o 25 de febreiro e o 2 de abril “non son compatibles coa subida e baixada de viaxeiros” na terminal.
Poñerá á disposición dos viaxeiros un plan alternativo de transporte para poder chegar aos seus destinos correspondentes nos servizos afectados en Media Distancia, Rexionais e trens de Longa Distancia.
Haberá modificacións nas conexións entre Galicia e Cataluña, Ponferrada ou León, así como nos trens que unen A Coruña con Ourense ou Monforte de Lemos.
A partir do 2 de abril, a previsión é recuperar a subida e baixada de viaxeiros na estación, con cortes alternativos de vías e plataformas, pero sen interrupción do servizo.
Na estación da cidade do Cabe, informa Adif, están a executarse obras na propia infraestrutura, vía, catenaria, sinalización e telecomunicacións para permitir a electrificación do tramo entre Monforte de Lemos e Lugo Mercadorías, así como a adaptación de 3 kV a 25 kV da electrificación existente entre Monforte e Ourense.
Esta semana iniciarase unha nova fase dos traballos, que inclúe a construción dun paso inferior entre as plataformas 1 e 3, con ascensores para facilitar o acceso, ademais de mellorar as condicións de seguridade no tránsito de viaxeiros entre plataformas.
Ademais, abordaranse renovacións de vías e aparellos de vías, así como a posta en servizo do novo enclave da estación e obras de adaptación da catenaria á nova configuración de vías.
Con estes traballos, Adif avanza “na renovación que desenvolve na liña Ourense-Monforte de Lemos-Lugo – de 117 quilómetros de lonxitude- para mellorar as condicións de explotación comercial en termos de fiabilidade, confort e tempos de viaxe”.