Morre a escritora Rosa Regàs aos 90 anos
Morre a escritora Rosa Regàs aos 90 anos
Este 2024 publicou o seu último libro 'Un legado'
A escritora Rosa Regàs morreu este mércores aos 90 anos na súa residencia da localidade empordanesa de Llofriu (Xirona), informaron fontes próximas á súa familia.
Nada en Barcelona o 11 de novembro de 1933, Regàs gañou en 1994 o Premio Nadal coa súa novela Azul, no ano 2001 alzouse co Premio Planeta cunha novela de intriga, A canción de Dorotea, e en 2013 obtivo o Premio Biblioteca Breve pola novela Música de cámara.
Antes de dedicarse á escritura, Regàs traballou na editorial Seix Barral, de 1964 a 1970, ano no que fundou a editorial La Gaya Ciencia, na que aparecían libros de literatura, política, economía, filosofía, poesía e arquitectura. Tamén fundou as revistas Arquitecturas Bis e Cuadernos de la Gaya Ciencia (1976) e Edicións Bausán, dedicada á literatura infantil.
Ademais da súa actividade editorial e literaria, con máis dunha vintena de libros, Rosa Regàs traballou como tradutora para as Nacións Unidas en Xenebra e tamén foi directora da Biblioteca Nacional de España de 2004 a 2007.
A súa notoriedade pública fíxose maior cando publicou o seu libro Diario de una abuela de verano. El paso del tiempo (2004), que recollía a súa experiencia vivida nunha masía empordanesa en convivencia durante as vacacións escolares cos seus netos. O texto foi levado á pequena pantalla por TVE na serie Abuela de verano, na que Rosa Maria Sardà intepretaba a Regàs.
A súa última novela foi Música de cámara (2013), aínda que nos últimos anos escribira máis ensaio, como Contra la tiranía del dinero (2012) e Una llarga adolescència (2015).
Este 2024, xa con 90 anos, publicou o seu último libro, Un legado, en que daba conta con detalle dos episodios cruciais da súa vida e do seu paso polo sector editorial e cultural, con mención especial a amigos como Juan Benet, Carlos Barral e Jaime Gil de Biedma.