Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre a raíña Isabel II de Inglaterra

Morre a raíña Isabel II de Inglaterra

A raíña máis lonxeva do Reino Unido estivo 70 anos no trono e viu pasar 15 primeiros ministros

Antón Montero 08/09/2022 17:11 Última actualización 08/09/2022 21:24

A raíña Isabel II de Inglaterra morreu esta tarde aos 96 anos de idade no castelo de Balmoral, en Escocia, rodeada da súa familia.

Os doutores que a atendían dende hai días deron esta mañá o sinal de alarma ao amosarse  "preocupados" polo seu estado de saúde e recomendaron que quedara baixo supervisión médica.

Inmediatamente despois deste anuncio, os seus achegados viaxaron para estar ao lado da raíña.

O xa rei Carlos III, viaxou ata Escocia, acompañado pola súa muller, Camila, duquesa de Cornualles. Tamén se desprazaron ao castelo o príncipe Guillermo, o seu primoxénito e segundo na liña de sucesión.

A saúde da raíña, que hai tempo que experimentaba "problemas de mobilidade", empeorou nos últimos días.

O seu último acto público foi o pasado martes, cando recibiu no castelo escocés a Boris Johnson, quen lle presentou a súa dimisión como primeiro ministro, e a súa sucesora, Liz Truss, a quen encomendou a formación dun Goberno.

A raíña británica máis lonxeva

Elizabeth Alexandra Mary naceu o 21 de abril de 1926. Era a terceira na liña de sucesión da coroa britanica, pero poucos vaticinaban que chegaría ao trono. O herdeiro, o seu tío, Eduardo VIII, era novo e todo apuntaba a que a monarquía perduraría a través da súa descendencia. Pero Eduardo, xa rei, namorouse dunha divorciada norteamericana, abdicou para poder casar con ela e a coroa pasou a Xurxo VI, pai de Isabel. Aos 21 anos, a princesa poñía a súa vida ao servizo da gran familia imperial.

En 1947, Isabel casa con Filipe de Edimburgo. 200 millóns de persoas escoitaron pola BBC a retransmisión da voda. Os medios de masas creaban unha das súas primeiras estrelas globais.

5 anos despois, a parella está de viaxe en Kenya. Alí sorprendeunos a morte do pai de Isabel. Dise que a herdeira subiu a unha árbore como princesa e baixou como raíña. 

Despois de dous meses de loito, chegou a coroación.

Comezaban 70 anos e 214 días de reinado, máis que ninguén agás Luis XIV.

Sete décadas que arrincaron en plena guerra fría e que presenciaron a caída da URSS, durante as que viu pasar 7 papas, 12 presidentes dos Estados Unidos, e nas que encargou formar goberno a 15 primerios ministros, desde Churchill ata Liz Truss.

70 anos nos que Isabel II viu entrar o seu país na Unión Europea e saír dela, e nos que a súa popularidade permaneceu inmune aos escándalos da súa propia familia.

Como o ano horrible de 1992, cando se separan 3 dos seus fillos e arde o castelo de Windsor.

E aínda estaban por chegar a morte de Lady Di, os turbios manexos sexuais do principe Andrés, a rebelión de Harry e Meghan e a morte, hai un ano, do home que a acompañou durante 3 cuartos de século.

Desde entón, Isabel cargaba a soas con todo o peso da coroa, unha coroa que agora custará imaxinar sobre outra cabeza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade