Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre aos 78 anos Ronnie Spector, cantante de The Ronettes

Morre aos 78 anos Ronnie Spector, cantante de The Ronettes

Popularizou en 1963 o tema 'Be my Baby', composto polo produtor Phil Spector

'Be my Baby' fixo historia nos EUA na música da década dos 60

G24.gal 13/01/2022 21:40

Morreu de cancro aos 78 anos Ronnie Spector, cantante de The Ronettes e indiscutible intérprete dun deses temas eternos que nos acompañan desde a década dos 60: 'Be my Baby'. Se cadra son moitos os que ata agora non lle poñían cara á canción. 

Pero o tema é unha das cancións imprescindibles da segunda metade do século XX. Poñémoslle rostro e nome. Ronnie Spector, a mesma que xunto coa súa irmá e a súa curmá formou The Ronettes e copou as emisoras de radio e picadiscos nos EUA na década dos 60.

Sobre todo pola canción que escoitan, a canción 'Be my Baby', de 1963. O tema converteuse na banda sonora desa década, colocou a The Ronettes nun chanzo por diante do resto.

Detrás do tema, o seu compositor e produtor da banda, Phil Spector, que as levaría ao máis alto —chegaron a cantar cos propios Beatles—, acabaría tamén conquistando a vida de Ronnie. 

Unha vida que se truncou tanto profesional como persoalmente por ese matrimonio. Contaría Ronnie na súa biografía de 1990 que o seu home a encanonou en varias ocasións e que a mantivo durante anos encerrada na mansión que compartían, con arame de espiño e cans para que non puidese fuxir.

Acabou conseguíndoo descalza, xa que lle quitara os zapatos para evitar que saíse. Logrou o divorcio, pero, iso si, renunciando aos beneficios das cancións. El foi encarcerado en 2003 acusado do asasinato dunha actriz, morreu hai un ano.

Ela reconstruíu a súa vida. Vímola en Compostela en 2018, pero nunca conseguiu relanzar a súa carreira. Porén 'Be my Baby' acompañouna sempre. Inevitable que soe cando sabemos da súa morte aos 78 anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade