Morre aos 91 anos Fernando Botero, o artista colombiano das voluptuosas esculturas
Morre aos 91 anos Fernando Botero, o artista colombiano das voluptuosas esculturas
O pintor e escultor saíra o xoves do hospital para recuperarse na casa dunha pneumonía pola que fora ingresado
O pintor e escultor Fernando Botero, o artista colombiano de máis sona, e coñecido polas súas esculturas de voluptuosas figuras, faleceu este venres aos 91 anos de idade, segundo informaron medios locais e autoridades.
O artista, nado o 19 de abril de 1932 en Medellín, seguía pintando no seu estudo ata que sufriu unha pneumonía pola que tivo que ser ingresado, pero o xoves saíu do hospital para recuperarse en casa.
A súa filla Lina Botero, en declaracións a Caracol Radio, explicou que faleceu en Mónaco esta mañá: "Levaba cinco días bastante delicado de saúde porque desenvolvera unha pneumonía".
"Morreu con 91 anos, tivo unha vida extraordinaria e foise no momento indicado", expresou a súa filla, conmocionada, que o lembrou como unha persoa "que dedicou a súa vida ao seu país, que foi o tema da súa obra artística".
O pintor estudou en Colombia e na Real Academia de Arte de San Fernando, en Madrid, e empezou a expoñer nos 60 nos Estados Unidos, cunha primeira mostra no Milwaukee Art Center onde comezou a mostrar o seu característico estilo figurativo.
Botero deixa atrás unha longa obra artística; desde a súa característica e peculiar Mona Lisa ás parellas de grosas formas bailando, pasando polas súas esculturas que adornan os recunchos do mundo, pero sobre todo o seu natal Medellín, á que regalou decenas de obras.
Tamén a súa obra está en Galicia, en concreto, paseando pola Coruña, á entrada do museo da Domus, erguendo a cabeza pódese ver un soldado romano con todas as características que fan recoñecible a obra do artista colombiano.
"Morreu Fernando Botero, o pintor das nosas tradicións e defectos, o pintor das nosas virtudes. O pintor da nosa violencia e da paz. Da pomba mil veces refugada e mil veces posta no seu trono", manifestou en redes sociais o presidente colombiano, Gustavo Petro, facendo alusión á pomba que se exhibe na Casa Nariño (sede presidencial) e que o artista regalou para conmemorar o acordo coas FARC de 2016.