Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre aos 91 anos Xesús Mato, sacerdote fundador de Fuxan os Ventos

Morre aos 91 anos Xesús Mato, sacerdote fundador de Fuxan os Ventos

Tras lograr co grupo Folk 72 en 1972 o primeiro premio do Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os ventos, a formación tomaría o nome da canción

A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre este mércores, ás 17:00 horas, ata a Igrexa de San Nicolás, en Portomarín

G24.gal 13/02/2024 12:16

O mundo da cultura chora a morte do sacerdote fundador de Fuxan os Ventos, Xesús Mato, que faleceu esta madrugada en Lugo aos 91 anos de idade. Tras lograr co grupo Folk 72 en 1972 o primeiro premio do Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os ventos, a formación tomaría o nome da canción e, a partir de aí, converteríase nunha referencia da cultura galega das seguintes décadas.

Lucense do Ano, galardoado cos premios María Castaña e Moncho Valcárce, fillo predilecto de Paradela, foi tamén sacerdote na montaña lucense e en Lalín, onde creou a coral polifónica e abriu unha emisora de radio, entre outras cousas.

En 2018, Xesús Mato recibiu a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de 2.500 persoas e institucións. Tamén contribuíu á creación de Auxilia Lugo, entidade de voluntariado preocupada pola integración de enfermos crónicos e persoas con discapacidade intelectual.

Loito na música galega 

Xosé Luís Rivas 'Mini', compoñente de Fuxan os Ventos ata a fundación da Quenlla, manifestaba este martes o seu pesar polo falecemento de Xesús Mato: "Hoxe a música galega está de loito. A de onte, a de hoxe e a de mañá. E xunto a ela eu camiñarei pola vida con máis soidade".

A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre este mércores, ás 17:00 horas, ata a Igrexa de San Nicolás, en Portomarín. Á chegada celebrarase o funeral e, continuación, a condución ao cemiterio municipal para ser enterrado no panteón familiar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade