Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre o exprimeiro ministro italiano Silvio Berlusconi

Morre o exprimeiro ministro italiano Silvio Berlusconi

O empresario e fundador de Forza Italia, de 86 anos, faleceu a causa da leucemia que padecía dende había tempo

G24.gal 12/06/2023 10:40 Última actualización 12/06/2023 11:53

O exprimeiro ministro italiano Silvio Berlusconi morreu no hospital San Raffaele de Milán por mor da leucemia que padecía desde hai tempo, informan os medios italianos.

A saúde de Berlusconi, de 86 anos, empeorara nestes últimos meses e a preocupación aumentou a principios de abril, cando foi ingresado no hospital San Raffaele de Milán en coidados intensivos por unha pulmonía agravada pola leucemia. Pasou 44 días na clínica, onde hai tres semanas recibiu a alta. 

O venres pasado volveu ser ingresado. Ata a clínica desprazáronse este luns pola mañá varios membros da súa familia, incluídos varios dos seus fillos. Nos últimos días, tamén recibiu o apoio de representantes da política italiana, especialmente dos seus socios no Goberno.

Berlusconi, fundador de Forza Italia, ocupou en tres ocasións a xefatura de Goberno: entre maio de 1995 e xaneiro de 1995, entre xuño de 2001 e maio de 2006 e entre maio de 2008 e novembro de 2011. 

O seu partido tamén é socio da actual coalición de Goberno, xunto á liga de Matteo Salvini e os Irmáns de Italia de Giorgia Meloni, e nas últimas eleccións volvera a un cargo electo como senador.

A figura de Berlusconi estivo durante toda a súa traxectoria envolta na polémica, corrupción e abuso de poder. O escándalo máis soado foi o chamado "caso Ruby", alcume da moza marroquí coa que Berlusconi supostamente mantivo relacións sexuais cando ela era menor, aínda que tamén se lle acusou de negociar coa mafia siciliana (Cosa Nostra) nos 90. Todos acabaron en absolución ou na prescrición do delito.

Empresario de éxito

Fillo dun banqueiro de clase media, Berlusconi naceu en Milán en 1936. Tras traballos como cantante en cruceiros ou vendedor de aspiradoras, iniciou a súa carreira empresarial con 25 anos, fundando a construtora Cantieri Riuniti Milanese.

Nos anos 70 puxo en marcha unha televisión por cable que emitía nun dos barrios milaneses que el mesmo construíra, fíxose con parte do capital do diario "Il Giornale" e creou a televisión "Canale 5".

En 1978 fundou Fininvest, a sociedade de carteira da familia Berlusconi que hoxe controla un imperio formado entre outros pola casa editorial Mondadori, a produtora de cinema Medusa e o grupo audiovisual Mediaset.

Afeccionado ao fútbol, foi dono do AC Milan desde os anos 70 ata 2017, cando o vendeu a un consorcio chinés.

Carreira política

En 1994 anunciaba nun discurso televisivo que entraba en política. Era daquela un empresario recoñecido en todo o país. 

Fundou Forza Italia, un partido de corte liberal e centrista que mostraba os primeiros signos do populismo e que prometía encher o baleiro nun país desencantado polos políticos despois da operación anti-corrupción Mane pulite (Mans limpas).

Berlusconi prometía liderar o país como xestionaba as súas empresas. E convenceu: ese mesmo ano gañou as eleccións e converteuse en xefe dun Goberno en coalición coa liga Norte, entón encabezada polo seu fundador Umberto Bossi.

Aquel gabinete non durou moito. Axexado pola xustiza e os incesantes ataques da oposición, viu como en decembro dese ano Bossi retiroulle o seu apoio e obrigoulle a dimitir.

Volveu ser primeiro ministro en 2001, coa coalición conservadora Casa das Liberdades, coa que gobernou durante cinco anos, un dos executivos máis duradeiros da Historia do país.

En 2006, tentou revalidar o seu mandato, pero perdeu contra Romano Prodi, aínda que só dous anos despois, con 71, aproveitou a caída do Goberno para volver ser primeiro ministro, esta vez co Pobo da Liberdade (con Forza Italia e a dereitista Alianza Nacional).

Dirixiu de novo o país en coalición coa Liga Norte ata que en 2011 a crise económica e outra vez os escándalos xudiciais afundiron o seu Goberno e Mario Monti asumiu a dirección dun Executivo técnico.

Foi a súa última lexislatura, aínda que nunca desapareceu por completo da escena política.

Soadas foron as súas festas con mulleres que lle valeron a apertura de varios xuízos na súa contra por abuso de poder e incitación á prostitución de menores e outros por presuntamente subornar as testemuñas.

Casado en dúas ocasións e pai de cinco fillos, tivo varias parellas ata a actual Marta Fascina, deputada de Forza Italia 53 anos máis nova que el e con quen celebrou en 2022 unha "falsa voda".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade