Morre un condutor tras invadir o carril contrario e chocar contra un camión en Betanzos
Morre un condutor tras invadir o carril contrario e chocar contra un camión en Betanzos
A vítima, de 61 anos, era veciño de Irixoa
Un novo accidente de tráfico acabou coa vida do condutor dun turismo, de 61 anos, cuxo coche invadiu o carril contrario e chocou contra un camión en Betanzos.
O sinistro tivo lugar ás 9:20 horas, á altura do quilómetro 574 da N-6, segundo informaron fontes da Garda Civil de Tráfico e da Central de Atención ás Emerxencias-112.
O condutor do coche, veciño de Irixoa, invadiu co vehículo o carril contrario. Como consecuencia do sinistro, quedou atrapado, polo que foron mobilizados os bombeiros para poder sacalo do vehículo.
"O accidente foi un choque frontal entre un camión e un turismo. Faleceu o condutor e único ocupante do coche", explica Francisco Javier Guerrero, segundo xefe do Destacamento de Tráfico da Coruña.
"E despois do impacto, os vehículos saíronse da estrada e acabaron na gabia", engade José Paz, cabo dos bombeiros de Betanzos.
Ao lugar desprazáronse os bombeiros de Betanzos, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e tamén unha ambulancia de asistencia sanitaria.
"O home morreu no acto. Pouco despois o médico certificou a súa morte. Foi un impacto bastante forte", di José Paz, cabo dos bombeiros de Betanzos.
A Garda Civil é quen se encarga de investigar os feitos para esclarecer as causas deste sinistro mortal.