Morre un home atropelado en Aranga cando camiñaba pola A-6 sen reflector
Morre un home atropelado en Aranga cando camiñaba pola A-6 sen reflector
A vítima, de 83 anos, meteuse, sen causa aparente, andando na autovía despois de sufrir unha avaría no seu coche na N-VI
Un particular alertara momentos antes de que o vira camiñando e parecía desorientado
Un home faleceu este mércores tras ser atropelado á altura do quilómetro 554 da A-6, á altura de Aranga, cando camiñaba pola beiravía da autovía, en sentido Madrid.
A vítima é un veciño de Sobrado dos Monxes e tiña 83 anos. Conducía un turismo pola N-VI. Detívoo porque levaba unha roda picada, saíu do coche sen chaleco reflector, puxo o triángulo de avaría e camiñando meteuse na autovía.
"Mentres solicitaban a asistencia para retirar o vehículo que obstaculizaba a circulación, recíbense avisos do 112 de que hai un peón camiñando pola autovía. Antes de chegarmos ao punto, un vehículo levouno por diante e puido comprobarse que esa persoa era a que conducía o coche localizado na estrada nacional", explica o garda civil Héctor Teixeira.
🔴#AXEGAInforma dun atropelo mortal na A-6, en #Aranga. Un home perdeu a vida ao ser alcanzado por un vehículo no punto quilométrico 554 da autovía, en sentido a Madrid.
— 112Galicia (@112Galicia) November 23, 2022
➕ℹ️ https://t.co/F8U1SIDHDJ pic.twitter.com/U3RIQjGJJD
O home faleceu no lugar do atropelo arredor das oito da mañá, tras máis dunha hora camiñando de xeito errático pola autovía.
"Diversas chamadas informaban de que estaba a cambiar de carril e mesmo o viran atravesando pola medianeira. É unha conduta bastante estraña. Sospeitamos que puidera estar desorientado, buscando algún tipo de axuda para o problema que tiña no coche, pero ao non levar roupa reflectora para facerse ver, o condutor que circulaba pola autovía no o viu e non puido facer nada para evitar o atropelo", sinala Teixeira.
Ata alí desprazáronse tamén Urxencias Sanitarias de Galicia, bombeiros de Betanzos, o GES de Curtis e o servizo de mantemento da vía.
Foi necesario interromper a circulación nun carril.