Dous octoxenarios morren atropelados en Arzúa e Sanxenxo
Dous octoxenarios morren atropelados en Arzúa e Sanxenxo
Pouco despois das 12:00 un home de 83 anos faleceu atropelado en Arzúa por un camión
Contra ás 13:40 produciuse outro atropelo na Vichona, en Sanxenxo, en que morreu un coñecido hoteleiro da vila
Un home de 83 anos morreu en Arzúa este luns ao ser atropelado por un camión. O 112 informou que o accidente se produciu na N-547, no quilómetro 63,70, en Arzúa, contra as 12:15 horas.
Foi un particular quen chamou o 112 para informar de que unha persoa fora atropelada por un camión e que se atopaba debaixo do vehículo.
Segundo parece, a vítima atravesaba por unha zona sen sinalizar nun momento de conxestión do tráfico.
Unha vez liberada a persoa e a pesar dos intentos de reanimación, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento.
Por outro lado, contra ás 13:00 horas deste luns, tivo lugar outro atropelo mortal na Vichona, no concello de Sanxenxo.
O falecido cruzaba o paso de peóns cando un turismo, por causas que se investigan, o levou por diante no medio da calzada e arrastrouno varios metros.
A vítima mortal, segundo informou o propio consistorio de Sanxenxo, é José Troncoso Poceiro, de 87 anos, un coñecido hoteleiro da zona, propietario do Hotel Troncoso.