Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morren catro persoas dunha mesma familia no incendio dunha casa en Guillena (Sevilla)

Morren catro persoas dunha mesma familia no incendio dunha casa en Guillena (Sevilla)

Faleceu o pai, a nai e os dous fillos da parella, un de 20 anos e outro de 16

A familia quedou atrapada na vivenda pola rapidez coa que se propagou o lume, que puido comezar nun patinete eléctrico que se estaba cargando.

O Concello decretou tres días de loito oficial e suspendeu os actos festivos

G24.gal 06/10/2024 10:58 Última actualización 06/10/2024 13:57

Catro persoas, todas elas dunha mesma familia —o pai, a nai e dous fillos, un de 20 anos e outro de 16— morreron este domingo no incendio rexistrado nunha vivenda pareada de dous andares na localidade sevillana de Guillena. O lume estendeuse en apenas quince minutos.

Segundo o servizo de emerxencias 112 de Andalucía, sobre as oito da mañá recibiron unha decena de chamadas alertando dun incendio con varias persoas atrapadas nunha casa da rúa Fernando Martín.

Ata alí se desprazaron os Bombeiros da Deputación de Sevilla, os servizos sanitarios do 061, a Garda Civil e a Policía Local. Desde o Concello de Guillena confirmaron o falecemento das catro persoas.

Investigan as causas

Polas marcas de fume que tinguiron a fachada do inmoble, as lapas afectaron sobre todo o segundo andar. A Garda Civil e os bombeiros investigan as causas e as circunstancias do incendio. Algunhas testemuñas apuntan a un patinete eléctrico que se estaba cargando.

O alcalde da localidade, Lorenzo Medina, a través dun decreto da Alcaldía, lamentou o sucedido e trasladou, en nome da corporación e da veciñanza, o seu "máis sentido e emocionado pésame pola morte da familia Rendón Hidalgo".

"Calquera falecemento inesperado resulta dramático, pero nesta ocasión nunha medida moito maior ao ser persoas novas e polas circunstancias do suceso", indicou.

Loito oficial

O Concello de Guillena decretou tres días de loito oficial, dende as 15:00 horas deste domingo, nos que as bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta. Ademais, suspéndense os actos festivos e oficiais previstos.

Atrapados polas lapas

Segundo o rexedor, a familia non puido escapar pola rapidez coa que se propagou o lume. Todo parece indicar que tentaron acceder á azotea pola terraza pero quedaron atrapados polas lapas.

A vivenda quedou "completamente calcinada" e os efectivos, tras as tarefas de refresco, emprenderán unha segunda inspección da vivenda, dentro das investigacións para pescudar a orixe do lume que, de momento, se descoñece.

A familia, orixinaria de Guillena, era moi coñecida e querida na localidade. O matrimonio traballaba en Mercasevilla, no comercio da froita, e os seus fillos estudaran no municipio e formaran parte de equipos deportivos locais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade