Morre un adolescente de 15 anos nun tiroteo masivo en Estocolmo
Morre un adolescente de 15 anos nun tiroteo masivo en Estocolmo
A Policía detivo dous homes sospeitosos pero aínda non se coñecen as causas do suceso
Un rapaz de 15 anos morreu e outras tres persoas quedaron feridas nun tiroteo masivo ocorrido este sábado en Estocolmo, segundo informa a Policía, que detivo pouco despois dous sospeitosos.
As forzas de seguridade abriron unha investigación preliminar por asasinato e intento de asasinato. O tiroteo produciuse nun centro comercial de Farsta, un distrito do arrabalde sur da capital sueca.
O adolescente foi alcanzado por varios impactos de bala, segundo o diario sueco Aftenbladet, e faleceu pouco despois como consecuencia das feridas.
O resto de vítimas foron trasladadas en helicóptero a hospitais próximos. Son outro mozo de 15 anos e dous adultos de 40 e 65, que recibiron varios disparos nunha igrexa da contorna e nunha zona ao aire libre.
O suceso produciuse a última hora da tarde e, segundo testemuñas presenciais, producíronse escenas de pánico entre as familias que se atopaban no lugar.
Persecución policial
Tras acordoar a zona, a Policía iniciou unha persecución que rematou unha hora despois coa detención dun coche que circulaba a toda velocidade, no que viaxaban os sospeitosos, dous homes duns 20 anos que serán interrogados.
No que vai de ano producíronse en Suecia 144 tiroteos, 52 deles en Estocolmo ou na contorna, segundo lembra o citado diario sueco.