Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morren tres cans no incendio dunha vivenda en Oza-Cesuras

Morren tres cans no incendio dunha vivenda en Oza-Cesuras

O sinistro deixa a vivenda practicamente inhabitable

G24.gal 10/11/2021 14:07

O lume iniciouse pasadas as sete e media da mañá deste mércores na zona posterior dunha casa situada entre outras dúas no lugar de Beis, no concello de Oza-Cesuras. A parella que vivía nela saíra para traballar e na casa había catro cans dos que só se salvou este.

A columna de fume viuna desde varios quilómetros Daniel, veciño do lugar, cando volvía de Oza. Os bombeiros continuaban cos traballos de extinción dúas horas despois, sobre todo para evitar danos maiores na casa contigua, afectada polo fume.

Ademais da morte dos animais, o sinistro deixa a vivenda practicamente inhabitable. A muller da casa estaba moi afectada polo sucedido. Ao lugar desprazáronse a concelleira de Asuntos Sociais e o alcalde de Oza-Cesuras, quen aseguraron que a parella vai ter o apoio do concello ante a perda do fogar.

Descoñécese como se orixinou o incendio. Ademais dos bombeiros de Betanzos participaron nos traballos membros do GES de Curtis e tamén acudiron efectivos da Garda Civil do cuartel de Miño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade