Publicador de contidos
Publicador de contidos

Multa de máis de 1.800 millóns de Bruxelas a Apple por obstruír a competencia

Multa de máis de 1.800 millóns de Bruxelas a Apple por obstruír a competencia

Acusada de impoñer desde a App Store restricións a competidores do seu servizo de música en streaming

Apple cobra aos seus competidores unha comisión do 30 % sobre os plans de subscrición que ofrecen aos usuarios

G24.gal 04/03/2024 15:56

A Comisión Europea anunciou este luns unha multa de 1.840 millóns de euros ao xigante tecnolóxico Apple por impoñer desde a App Store restricións a competidores do seu servizo de música en streaming, como Spotify.

Na práctica, estas restricións impedíronlles informar a usuarios de iPhone e iPad sobre opcións de subscrición de música máis baratas fóra da aplicación.

"Durante unha década, Apple abusou da súa posición dominante no mercado para a distribución de servizos de streaming de música a través da App Store. É ilegal e afectou millóns de consumidores europeos que non puideron elixir libremente", explicou a vicepresidenta executiva da Comisión Europea responsable de Competencia, Margrethe Vestager.

Bruxelas, que considera a multa "proporcional aos ingresos globais de Apple" (supón un 0,5 % da súa facturación anual) e "necesaria para asegurar que disuade", ordenou á empresa que retire as restricións aos seus competidores e que se absteña de adoptar prácticas similares nun futuro.

Bruxelas considerou que Apple posúe unha posición dominante no mercado porque a única forma que teñen os usuarios dun iPhone ou un iPad de descargar aplicacións de música en liña, por exemplo Spotify -que foi quen interpuxo a denuncia en 2019-, é a través da súa propia tenda, a App Store.

Apple cobra aos seus competidores unha comisión do 30 % sobre os plans de subscrición que ofrecen aos usuarios, aos que só puideron chegar a través da App Store, á vez que estes competidores trasladan a recarga de prezo aos usuarios e converten as opcións alternativas en máis caras que Apple Music, a propia aplicación que vén instalada por defecto nos iPhone e iPad.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade